José Posada (Vigo, 1940) representa a segunda xeración da firma homónima que fabrica os reputados 'Marron Glacé' en Ourense. Propietario, xerente, director xeral, confesa que fai de todo: dende pagar as facturas a pechar as portas.
Neto de arrieiro, Xosé Manoel Iglesias (Montevideo-Uruguai, 1959) é o fundador e máximo responsábel da fábrica de mobiliario para parques Galopín. Pai dun fillo e xefe de 30 empregados –15 homes e 15 mulleres– ex deseñador de moda e navegante, está convencido de que o que fabrica contribúe á mellora dos espazos públicos. En oito anos de traxectoria, a súa firma obtivo entre outros o Premio Europeo de Medio Ambiente concedido pola Comisión Europea.
Xavier Rey (Noia, 1980) é un dos actores galegos con maior presenza nas pantallas. O seu paso pola serie 'La chica de ayer' (Antena 3), na que compartiu cámara con Ernesto Alterio e Antonio Garrido encarnando a Cris, o policía novato da brigada, é unha das súas últimas interpretacións.
Tarsy Carballas (Taboada, 1934), é unha das científicas galegas con maior proxección e experiencia. Aínda que xubilada, segue en activo no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, centro ao que pertence dende a súa fundación en 1959 e no que desenvolveu numerosos estudos sobre o chan galego. Distinguida recentemente coa Medalla Castelao, confesa que quixo ser xornalista antes que investigadora e que, pese a saber tanto de solo, o coidado das plantas non é o seu.
Paulo Carrera (Vigo, 1963) é biólogo mariño e director do Museo do Mar de Galicia a partes iguais. Dende o seu posto séntese “armador dunha flota” formada por todos os portos galegos e confesa ser un apaixonado dos peixes azuis.
Benigno López González (A Coruña, 1952) mudou no 2007 os altos tribunais polo despacho desta institución dende a que procura atender e salvagardar os intereses dos cidadáns. Defensor do consenso, asegura que ningunha causa está perdida sempre que teña unha solución.
Kristina Berg (Halmstad, Suecia, 1948) recalou en Galiza por casualidade a principios dos 70 nunha viaxe que fixo mudar a súa vida. Nela coñeceu o que dende entón sería o seu fogar e o amor da súa vida, o finado escritor Carlos Casares. Actualmente exerce de presidenta da fundación que xestiona o legado do seu marido.
Carlos Núñez (Vigo, 1971) é un dos músicos galegos máis universais. Soñador, confesa vivir cun pé na terra e outro no mar. Despois de tres anos vivindo no Brasil está convencido de que a pegada galega neste país é máis profunda que a portuguesa. De feito está convencido de que o Brasil é a Galiza do futuro, a que terá superadas as mesturas culturais e idiomáticas que agora tanto preocupan. Estes días promociona a música galega na BAFIM (Buenos Aires Feira Internacional da Música) cunha actuación no Teatro Coliseo da capital porteña.
Nos círculos políticos coñécena como a 'alcaldesa das flores', título que ostenta con orgullo en representación da vila con maior número de viveiros de Galiza. A piques de cumprir dous anos e medio como rexedora de Tomiño, Sandra Álvarez (Tomiño, 1973), confésase cómoda no seu posto e explica que o segredo da política local está en obrar 'con sentidiño' e manter os pés na terra.
O nome de Xosé María Fonseca Moretón (Ourense, 1950) está estreitamente ligado ao mundo do viño galego, especialmente ao da Denominación de Orixe Rías Baixas. Como presidente das adegas Terras Gauda, está orgulloso de ser o creador dun dos viños galegos máis premiados e con maior proxección internacional. Coñecido polas súas gravatas de lazo, este amante da enoloxía confesa ter unha paixón desmedida pola música.
Descargar Tarifas