Lara Rozados . 'Costa Norte/ZFK' (Galaxia) amosa un porvir, non moi afastado, en que a industrialización salvaxe e unha serie de catrástrofes (explosións e mesmo unha parada na rotación da Terra) dan lugar a unha distopía situada en Carballo. A protagonista, Rosa, é a única supervivente do que foi Galiza antes. Falamos con Xurxo Borrazás sobre esta súa última novela.
“Ao autor non lle custa inventar un mundo. O problema é inventar unha linguaxe nova que fale do existente”, remata Costa Norte/ZFK. Como teceu unha ficción que nos sitúa no centro do real? En moitos casos foi de forma case dolorosa: tiña que ir sumando peixes mortos do porto exterior, competía nunha carreira cos xornais a medida que saían noticias sobre as recualificacións. Era un caso en que a realidade ía por diante da novela. Amais, a novela está xa rematada, pero a realidade continúa. Traza unha distopía, nun lugar perfectamente coñecido (Carballo/Razo...) Estou moi afeito. Non é o meu xénero preferido o da distopía, pero leo bastante, e para elaborar unha novela destas características cómpre asumir unha posición moi empática, que se meta dentro do que estás a contar. Cando leo unha novela de Octavia Butler ambientada en California, teño que lograr ese grao de coñecemento, e iso conseguino a través da miña infancia, dos meus recordos na praia de Razo. Trátase dun espazo, amais, marcado pola destrución medioambiental. Temos no subconsciente colectivo a loita polo areal de Baldaio... Eu recorrín a moitas desas referencias (temos aí o Prestige, a máis recente), pero tamén outras que para xente que non sexa de Carballo se cadra non son tan próximas: eu vin de neno, nos 70, como se derruían moitos edificios. Vin caer as torres do Concello vello, os Baños, a igrexa... Esa imaxe da desolación, do derruído, recollina para crear ese ambiente. Como pensou no futuro da lingua? Conviven na novela “glosia” e “pre-nativo”... Tema de candente actualidade, por outra parte. Pensar no do domingo [a manifestación de Galicia Bilingüe] remexe máis nas vísceras que na mente... O que está claro é que o español non pode impoñerse en ningún lado, nin o inglés, nin calquera lingua. Tentei retratar a convivencia. “O resultado lóxico da entropía no eido dunha sociedade industrial, iso que outros nun sentido amplo chamamos cultura, é a catástrofe ecolóxica ou o holocausto suicida”, di. A entropía parte da natureza, pero hai outro caos, voluntario, que lle atribúo ao efecto humano, inducido pola industrialización salvaxe. Na protagonista proxéctanse unha serie de medos e angustias que non dá controlado. Moitas delas veñen da súa mocidade e outras xeradas por ese proceso de industrialización desmesurada. No que quixen incidir foi na sensación de desamparo, de que todo o que fai está condenado ao fracaso. A relación entre os personaxes é outro tema central. Por unha banda está a dominación, pero tamén a imposibilidade de integración do individuo. Amais de certo complexo de Edipo, hai unha relación estraña do individuo co grupo. Iso vémolo tanto no ámbito persoal, na propia protagonista, que vive durante décadas en soidade, e, en contraposición, na sociedade que conforman as mulleres fuxitivas da novela, que poderíamos chamar inxenua. Escribe unha ficción sobre como se constrúe a realidade, e a protagonista traballa nun xornal antes da “mutación”. Como constrúen os medios as ficcións? O xornalismo, igual que a literatura, consiste en construír realidades. Pero a literatura só promete entretemento, reflexión, mentres que os medios din que iso que fabrican é realidade. É a mesma disxuntiva que atopamos entre publicidade e arte: a primeira sérvese de todos os recursos da segunda, crea, efectivamente, produtos artísticos (que son un paradigma da estética contemporánea). A diferenza é que a arte é arte porque non quere conducir a quen mira cara un fin. Poucas novelas teñen como protagonista unha muller e, amais, vella. Foi premeditada a escolla de personaxes maioritariamente femininos? Chámame a atención que sobre este tema sempre me preguntan mulleres. Non foi unha elección, realmente os personaxes viñéronme dados, tirábame máis da fantasía: Leo moita literatura escrita por mulleres que entran no ámbito do masculino con moito acerto. Para min non foi difícil entrar nese ámbito. Tamén é interesante a cuestión de como se constrúe a memoria, individual e colectiva. A memoria para a protagonista é unha arma de dobre gume: por unha banda é o que lle permite actuar, e pola outra carrexa lembranzas dolorosas. Interesábame esa cuestión de que a memoria, coma o tempo, non é lineal. O bater dunha porta ou un anaco de coliflor nun prato que nos recorda a un cerebro se cadra están máis presentes na nosa memoria ca eventos máis graves. Mesmo entra en dúbida: chega un momento en que a protagonista non está segura de que sexa a súa propia memoria o que se pon en marcha, se cadra é un axente externo... “Non hai peor escravo que o que non se decata de selo”. Velaí “a sofisticación do control das ideas”? É un futuro en que se sofistican cousas que xa están no presente. Observando os veciños e coñecidos, a través dos medios e do discurso das institucións, ves como ninguén é libre, pero, con todo, ten a conciencia de selo. Para min, a novela non é só o libro, senón o libro e as circunstancias en que escribín. En realidade, sinto certa distancia co ton tan serio en que quedou, a historia non me permitía demasiados cambios de humor. Pero non creo que esteamos abocados á apocalipse, a realidade témola que negociar. Falando de cambios de humor, si que o consegue por veces, mesmo por medio de referentes moi próximos da cultura popular: a protagonista mastúrbase mirando a Silvia Jato ou vai ver monólogos de Rober Bodegas. Penso que ás veces se maliterpretan as referencias: toda a literatura incorporou sempre cultura popular, porque é realidade. Parece que se escribes certas cousas é por seres posmoderno, no mal sentido, pero non é así.
Xurxo Borrazás.
Descargar Tarifas