Redacción .
O xornalista e escritor Xesús Fraga. Xan Carballa
O xurado do IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse en Carballo para decidir os dous artigos gañadores deste certame, ao que se presentaron 40 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o primeiro premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos e Vieiros, ao artigo titulado «A bendita intranscendencia do pop», de Xesús Fraga Sánchez.
O artigo analiza o importante que é para a normalización lingüística a fornada de grupos musicais actuais que cantan en galego con total normalidade sen ter que cargar coa responsabilidade de facer país ou salvar o idioma, igual que antes fixo o movemento bravú, Os Resentidos ou Andrés do Barro.
Xesús Fraga (Londres, 1971) reside na Coruña e é redactor e locutor de La Voz de Galicia e Radio Voz dende 1996 e tamén colaborador do programa da TVG Libro Aberto. Como escritor ten publicados tres libros de recoñecido éxito, que son Tute para catro (Xerais, 2000), A-Z (Xerais, 2003) e Solimán (Xerais, 2004). Tamén publicou a tradución a galego de Arthur e George, de Jullian Barnes.
O segundo premio, dotado con 350 euros e a publicación nos nove medios colaboradores co certame, foi para o artigo «Carta dun trífido esquizoide», de Kiko Novoa. No seu artigo destácase a modernidade, necesidade e practicidade do galego, e faise cunha comparativa co sueco e cunha destacada calidade literaria con tintes rupturistas e con destacados valores estilísticos.
Descargar Tarifas