PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Preséntase o Dicionaro das Tecnoloxías da Información
Xavier Alcalá: 'Se un termo tecnolóxico está vivo en portugués, por que usar o inglés?'

Manuel Vilas Na súa dupla faceta de escritor e enxeñeiro de Telecomunicacións, Xavier Alcalá será o encargado de dirixir o primeiro Dicionario Galego das Tecnoloxías da Información que se presenta hoxe. Nesta conversa, o autor aposta por aproveitar a proximidade co portugués e tamén critica o labor das administracións en levar a alta velocidade ao rural.

Reloxo 13.05.2008 | 12:00

Xavier Alcalá Xavier Alcalá

No seu discurso da presentación do Dicionario TIC argumenta que Galiza non participou cun léxico de seu na Revolución Industrial. Estamos a sufrir o mesmo co salto á Sociedade da Información?

Evidentemente, eu incluso diría que estamos a sufrir algo peor. Na Revolución Industrial naceron moitas palabras propias nas linguas latinas, por exemplo 'cambota' para designar o que en castelán se di 'cigüeñal'. O peor é que agora estamos a facer un refrito dun refrito, nin sequera a tomar palabras latinas. Por exemplo, porque usar 'inarámico', que é unha burrada sen sentido, no lugar do máis natural 'sen fíos'? 'Inarámico' vén de 'inalámbrico' que vén do termo inglés 'wireless'.

Deberamos recorrer máis ao portugués para designar os novos termos do ciberespazo?

O primeiro que deberiamos facer é consultar se a forma portuguesa está viva. Se está vivo 'sen fíos' porque usar 'inarámico'? Por que mirar cara á forma inglesa ou a española?

Daquela mellor 'ligazón' ca 'enlace'?

Ligazón por suposto!

Con todo, como vostede di no discurso, os dicionarios non serven para imporlle solucións á xente, especialmente se unha palabra xa é de uso popular; e a rede xa leva uns cantos anos sendo común entre os mozos do país. Estamos aínda a tempo de corrixir a suposta perda de identidade do galego no léxico das novas tecnoloxías?

A escolla dunha palabra e non doutra depende moito da intelección, da facilidade para comprendela. Por exemplo, eu entendo mellor o que quere dicir o termo 'concentrador' que o que se está usar, o 'hub'. En inglés 'hub' designa a tapa da roda, e por analoxía –lugar onde se concentran os radios– empregan o termo nas telecomunicacións. Pero o común dos galegos non ten interiorizado ese significado coloquial de 'hub', daquela estamos a tempo de recuperar 'concentrador'.

Como enxeñeiro de Telecomunicacións que é, como avalía o feito que até tres administracións –o Estado , a través do PEBA, a Consellaría de Industria, coas subvencións a unha ducia de concellos para montar wimax públicas e agora a Deputación de Pontevedra, co seu proxecto de macro-wimax– estean a lanzar solucións diferentes para levar a alta velocidade ao rural?

Non se pode facer así. Isto que digo non é só a miña opinión, é o que pensan todos o enxeñeiros. Na planificación de redes é fundamental ter en conta a relación entre capacidade e custo. Despois xa é unha decisión política se se fai a través da rede de R ou de Telefónica, directamente ou subcontratando. Pero necesitas unha planificación global, unha ordenación total, que lles pregunten aos enxeñeiros!

Daquela cal das tres solucións sería a máis axeitada?

Dende o punto de vista técnico, por que non aproveitar a rede de emisores de RETEGAL, que teñen comunicación directa coa maior parte do territorio, para montar unha rede sen fíos?

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil