PUBLICIDADE
Mércores, 14 de maio de 2008
Henrique
Monteagudo
Secretario do Consello da Cultura Galega
Xan Bouzada, un adeus a destempo
 08.05.2008 | 11:04

O pasado cinco de maio finaba Xan Bouzada, profesor da Universidade de Vigo, redactor da revista Grial e autor de numerosos estudos relacionados coa socioloxía da cultura en Galicia. Nado en 1951 na cidade Lugo, onde cursou os seus primeiros estudos, comezou Filosofía e Letras en Santiago, pero, perseguido policialmente polo réxime franquista, viuse obrigado a un prudente exilio e rematou titulándose en Socioloxía na Universidade de Toulouse. Bouzada pertencía, pois, a unha xeración que militou contra o último franquismo, pero, a diferenza dalgúns compañeiros da loita clandestina, mantivo no fundamental os seus compromisos políticos, intelectuais e vitais. O seu camiño desde un xuvenil nacionalismo revolucionario cara ao adulto galeguismo progresista non estivo guiado por renuncias, senón por aprendizaxes e reflexións.  

Do seu traballo profesional salientan as súas achegas en moitos sensos pioneiras á socioloxía da cultura en Galicia, con especial interese cara á acción cultural no ámbito local e comunitario, como testemuñan títulos como Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña, A situación socio-cultural dos concellos galegos, O desenvolvemento comunitario local, Familia e comunidade, ou Redes sociais e conxuntos de acción. No Consello da Cultura Galega promoveu unha importante liña de intervención, coas sucesivas xornadas sobre ‘Cultura e concellos’ (das que se publicaron varios volumes de actas), e recentemente, na creación do Observatorio da Cultura Galega, que deron lugar á elaboración de informes do calado de As políticas culturais das sete cidades galegas.

O seu contributo á revista Grial é sinxelamente extraordinario: sirvan de testemuño números que el coordinou como Sobre a sociedade da cultura, ou o que acaba de vir a lume precisamente nestes días,  Desafíos da educación. Ademais, Xan Bouzada foi un dos escasos sociólogos galegos que prestaron un interese particular á lingua galega, con achegas fundamentais como O futuro da lingua ou o Informe sobre Política Lingüística e Normalización.
 
A simple ennumeración dos títulos dos seus traballos dan medida do seu entusiasmo como investigador e do seu compromiso e entrega co noso país. Os seus compañeiros e amigos quedamos irremisiblemente magoados pola perda dun colega querido e un colaborador laborioso e entrañable, Galicia perde un magnífico profesor, un intelectual valiosísimo e un loitador insustituíble.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil