DEBAIXO DA PONTE SERIE. XURXO ESTEVEZ
1 / 5
Contaba Cunqueiro no seu discurso de ingreso na Real Academia que os tesouros están casi sempre escondidos en covas, escusados nos castros, asolagados nas lagoas. E todo mundo sabe que no extremo do arco da vella, hai enterrado un tesouro. No caso da ponte 25 de Abril, o que hai agochado son as cocheiras dos mencionados tranvías, inestimábel tesouro para calquera turista informado e para uns poucos enxeñeiro de obras públicas con sensibilidade mecánico-poética.
Antes de entrar ao traballo, a veces aproveito o trasbordo en Belém para almozar un cafézinho cos famosos pasteis de Belém, segundo receita do 1837, namentres contemplo... o Mosteiro dos Jerónimos!!! É como se merendásemos no Arzak mirando as pirámides de Exipto. E todo por apenas un euro e oitenta! Tiven sorte de nacer vulgar e corrente, pois como avisa Cunqueiro, "non son os máis listos os que atopan tesouros, e algunhas veces son nenos, ou parvos, e tamén atopan tesouros os cegos. O que non se sabe é de mulleres que os teñan atopado, agás en Finlandia". Pois aquí debemos estar como en Finlandia, o local dos pasteis está inzado de mulleres que disfrutan a cotío da millor crema con canela de Europa.
Mais hoxe é domingo e marcho en sentido contario, vou dando un paseo a carón do Rossio. Á altura da Cámara Municipal cruzo co Presidente da República. Sin comelo nin bebelo, casi lle poido tocar a chepa coa man, pero... para qué quero eu apalparlle as costelas a Cavaco Silva?
Portugal é un país tranquilo, ainda alonxado das turbulencia do medo, penso eu para meus adentros.
Súbese o mandatario á tarima e pónsenos a desfollar oralmente esta crise, nun anodino discurso comemorativo do día da República, algo que os portugueses xa teñen e que a nós, infelizmente, nos falta.
Despois de alertar aos escasos ouvintes sobre as consecuencias da suba dos tipos de interés, do petróleo e dos alimentos, o Presidente dá paso ao desfile, así que eu marcho, neso estou totalmente de acordo con Raxoi, os desfiles militares "son un coñazo".
Prosigo a miña deriva pola cidade e, xa no famoso café Nicola, que albergou nas súas mesas as mellores tertulias literarias e políticas dos últimos 150 anos e lugar onde o peta Bocage evocaba as súas aventuras cortesanas, métome de cheo en materia. Entre cruasán, galão, papel e bolígrafo, póñome a rasguñar esta que será a primeira entrega dunha sección máis lixeira agrupada baixo a denominación común de "Vivo debaixo da ponte e vou traballar en tranvía".