Manuel Xestoso . Pensa vostede que alguén pode ter interese en visitar a casa do xenro de Shakespeare? Se di que non, equivócase. Milleiros de persoas peregrinan cada día até alí.
Casa natal de Shakespeare
A primeira resposta que se lle ocorre a calquera observador da sociedade contemporánea é obvia: diñeiro. A voracidade da industria do entretemento combinada coa vertixinosa explosión do fenómeno do turismo nas sociedades máis desenvolvidas auspician a explotación de calquera bolsa de mercado susceptíbel de engrosar os beneficios das empresas. Dende esta perspectiva, o denominado “turismo literario” non é máis que unha variante do máis amplo “turismo cultural”, que aproveita o herdo histórico e artístico dun determinado espazo para o seu aproveitamento económico. Coñecedoras de que un sector dos consumidores abomina dos masificados circuítos habituais, as axencias turísticas apresúranse a deseñar novas ofertas que satisfagan os gustos –as necesidades, din eles– destas minorías. Así, calquera lugar directa ou indirectamente relacionado cun libro ou cun escritor é “redescuberto” e reciclado con vistas a se transformar en nova meca de ben intencionados excursionistas. O cal, nos casos de meirande éxito, provoca que estes cultos destinos acaben tan masificados coma outros máis prosaicos, co que volvemos a estar no lugar de partida.
Un bo exemplo deste fenómeno pode ser o de Stratford-upon-Avon, unha pequena vila do centro de Inglaterra que tivo a satisfacción de ver nacer no seu seo a William Shakespeare. Stratford é hoxe o segundo destino turístico de Inglaterra –só superada por Londres– e a tranquilidade que se lle supón a unha encantadora localidade da campiña inglesa de só vinte e tres mil habitantes vese desmentida polos milleiros de visitantes que acoden a ela cada día, ávidos de to be or not to be e de amantes de Verona. Aínda que non lese un só verso do bardo na súa vida, a panoplia de “atraccións” que o forasteiro pode visitar inclúe a casa onde naceu Shakespeare, a casa onde morreu, a igrexa onde está soterrado, a casa onde naceu a súa muller, a casa da súa nai e mesmo a casa dun seu xenro.
A primeira vista, parecería que esta propagación do espectáculo roza o grotesco, mais as cousas non son sempre tan sinxelas. Decatarse de que a cobiza das empresas turísticas é a principal responsábel da desmedida masificación de certos lugares que antes eran obxectivo só duns poucos iniciados non obsta para recoñecer as vantaxes derivadas de certas operacións comerciais. Seguindo co exemplo anterior, Stratford débelle á mercantilización de Shakespeare ser a sede da Royal Shakespeare Company –unha das máis prestixiosas compañías teatrais de todo o planeta–, varios teatros e, en xeral, unha vida cultural certamente improbábel noutra localidade do seu tamaño. Pero débelle, ademais, dúas prebendas moi valiosas.
A primeira delas é a conservación dos escenarios onte transcorreu a vida do escritor. O peso da memoria cultural é un dos piares fundamentais da nosa civilización e a preservación dese legado constitúe unha angueira non só laboriosa, senón tamén moi custosa. Non é de estrañar, xa que logo, que as entidades encargadas da súa custodia procuren compensar os gastos que orixina. Por suposto, para atraer o público e incrementar os ingresos existen diferentes estratexias que oscilan entre a divulgación intelixente e a simple pallasada. Inmersos niso que antes se chamaba ‘capitalismo’ e que agora pasou a denominarse ‘o sistema’, temos que ser conscientes de que todo produto cultural nos chega en forma de mercancía e, daquela, está sempre ameazado, en maior ou menor medida, polo risco da banalización. Mais tamén é certo que a difusión da vida e obra dun autor non ten que incluír forzosamente a edificación dun parque temático baseado nos seus personaxes máis coñecidos –coma o inaugurado hai uns meses “en homenaxe” a Charles Dickens.