Manuel Vilas . “É rendíbel gastarse 20 millóns por algo ao que calquera cidadán pode ver por 100 euros?” Esta é a pregunta que se lanza o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel Fernández Iglesias, tras a proposta unánime do Parlamento de Galicia para que as televisións e radios portuguesas se poidan recibir no país.
Manuel Fernández Iglesias destaca a utilidade de recibir estas canles, pois permitiría que “os galegos aumentasen a súa competencia noutra lingua, pois sabendo galego e español é moi doado aprender portugués”. Con todo, o director xeral tamén salienta os custos e as dificultades legais. Iglesias entende que sería imprescindíbel un 'multiplex' propio para as emisións lusas na Televisión Dixital Terrestre (TDT) en Galiza. O custo do 'multiplex' (canle que permite a emisión de até catro emisoras de televisión) andaría polos 20 millóns de euros, o mesmo que vale a TDT da TVG e das próximas emisoras de La Voz de Galicia e COPE. A única solución factíbel, na súa opinión, é que as canles portuguesas en Galiza (e as galegas no estado veciño) só emitan producións propias e contidos libres, como xa fan a Radio Televisión Portuguesa Internancional (RTPI) e a GTV América. Con todo, o director xeral, que depende directamente do Presidente da Xunta, asume que “quen ten que decidir se é rendibel ou non é o parlamento”. Iglesias adianta a súa disposición a dialogar co goberno central para que tome as disposicións legais necesarias.
Manuel Fernández Iglesias.
Para 2010 como mínimo
O mandatario argumenta que “probabelmente” habería que sacar a concurso a súa xestión, polo que non podería estar operativo antes de 2010, despois do 'apagamento analóxico'.
50.000 euros o capítulo de Lost
Porén, para Iglesias “o problema principal é de tipo legal”. En declaracións a ANT Diario, o mandatario explica que sería moi difícil coordinar as emisións para non vulnerar os dereitos de autor. “Un capítulo dunha serie de éxito, de Lost por exemplo, vale uns 50.000 euros para a FORTA, pero iso só faculta a TVG a emitir o capítulo en Galicia”, argumenta.
Astra e Hotbird
Iglesias sinala que estas emisoras xa se poden ver por outras vías, en concreto a RTPI en Galiza a través das emisións en aberto dos satélites Astra e Hotbird 7A e vía Canal Satélite. O investimento na instalación dunha parabólica anda polos 100 euros, indica Iglesias.
Descargar Tarifas