Redacción . O ciclista do Karpin Galicia Gustavo César Veloso alcanzou o quinto posto na etapa prólogo da potente Volta a Catalunya, na que Rabuñal e García tamén empezaron ben.
O ciclista do Karpin Galicia Gustavo César Veloso marcou o quinto mellor tempo (no mesmo segundo que o terceiro clasificado) no prólogo de 3,7 quilómetros que na localidade de Lloret de Mar puxo en marcha a 88 edición da rolda catalá. O corredor galego quedou a 7 segundos de Thor Hushovd (Credit Agricole) que, cun rexistro de 4 minutos e 37 segundos, converteuse no primeiro líder da carreira. O noruegués superou en seis segundos ao estadounidense George Fincapé (High Road), segundo clasificado; e en 7 a José Iván Gutiérrez (Caisse d'Epargne), terceiro. Pino O director deportivo do Karpin Galicia resume a actuación do Karpin Galicia: "Fixemos un moi bo prólogo, con Gustavo C. Veloso situado entre os mellores, e ata Rabuñal puidese rebaixar un pouco o seu tempo se non descargase auga unha nube nas últimas curvas do percorrido cando estaba chegando á meta. O tempo de Ezequiel Mosquera haberá que velo máis detidamente cos escaladores, pero en principio superou a Sastre e perdeu uns segundos con Zubeldia, Rogers ou Luís León Sánchez, un corredor que ten moitas opcións co percorrido e as bonificacións que presenta a carreira este ano. Estes son menos escaladores ca el pero o percorrido favorécelles máis".
Gustavo Veloso
Gustavo César Veloso, que este ano fora sexto tamén na contrarreloxo do Criterium Internacional, saíu no posto oitenta e nove e marcou o mellor tempo ata que Lovkvist superouno por centésimas. Por menos dun segundo tamén o adiantaba Gutiérrez, último ciclista en saír. Hincapé só puido cubrir os 3,7 quilómetros do percorrido nun segundo menos; sendo Hushovd o único corredor capaz de marcar diferenzas.
Gonzalo Rabuñal e David García tamén estableceron un bo tempo, clasificándose nos postos vinte e cinco e vinte e seis, respectivamente, a 13 segundos do vencedor. Vinte segundos perdería Ezequiel Mosquera, que non saíu mal parado no seu duelo particular cos escaladores.
A primeira etapa disputarase entre Riudellots da Selva-Banyoles, sobre 167,8 quilómetros, con tres portos de montaña no percorrido, o último de primeira, aínda que a sesenta quilómetros de meta.