Marta Rodríguez Peleteiro . MADRID O conselleiro de Medio Ambiente considera que o goberno galego está a cumprir cos seus 'compromisos' en materia ambiental e salienta o xiro desenvolvido nos últimos anos neste sentido.
O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel da Xunta de Galicia, Manuel Vázquez, participou esta mañá na inauguración do posto da comunidade autónoma na novena edición do Congreso Nacional de Medio Ambiente (CONAMA 09), que se celebra no Palacio de Congresos de Madrid entre o 1 e o 5 de decembro baixo o lema “O reto é actuar”. Vázquez amosouse satisfeito co labor realizado polo goberno bipartito e destacou o xiro que deu a política ambiental durante esta última lexislatura. Segundo dixo, “o goberno da Xunta recolleu unha situación caótica e transformouna nunha situación organizada. Por primeira vez na política do goberno galego o medio natural penetra de xeito horizontal, unha política diaria que conseguiu cambiar nestes catro anos a visión ambiental de Galicia”. O conselleiro criticou o atraso que vive o país nesta materia herdado do goberno anterior. “Non é normal que no 2008 teñamos as rías sen sanear, que tivéramos os ríos sen controlar, menor espazo protexido…”, e asegurou que o seu goberno sentou as bases para que “o cidadán galego vexa o medio ambiente coma un elemento de desenvolvemento socioeconómico para que cada vez que se fala de espazo natural o noso pensar non sexa nun inimigo, senón nunha oportunidade”. 'Aliado' de futuro Para Vázquez, quedan entre oito e doce anos para que o medio ambiente termine de convertérense nun dos grandes aliados de Galicia e do desenvolvemento socioeconómico da rexión. “O I+D+i e o medio ambiente son as directrices dos plans europeos até 2013 e eu creo que esa é a clave que ten que aproveitar o noso país. Estar plenamente e con valentía na innovación convencéndose de que o futuro pasa pola sustentabilidade. Queda moito por facer. É unha tarefa inxente que requirirá aínda bastante anos”. Para o conselleiro, “Galicia ten feitos os deberes” e a “vocación do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño” xunto coa “complicidade e concienciación dos cidadáns de Galicia”, traduciuse no saneamento integral das rías, a posta en marcha do plan de vertidos, o incremento dos espazos naturais e o fomento da reserva da biosfera. No marco do Congreso, celebrouse tamén a xornada “Galicia. Naturalmente. O uso sostíbel dos recursos”. Nela participaron ademais do conselleiro, o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza Rodríguez, o director xeral de Desenvolvemento Sostíbel, Emilio M. Fernández Suárez, o director xeral de Augas de Galiza, Xosé Luís Romero Valeiras, e o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xaquín Buergo del Río. Balance ambiental da lexislatura “Galicia acode a este Congreso Nacional de Medio Ambiente practicamente nos últimos meses destes case catro anos de goberno para presentar e dar conta aos participantes de que Galicia cumpriu medioambientalmente coas expectativas que nos presentamos fai pouco máis de tres anos cando chegamos á Xunta”, dixo o conselleiro. “Pódese dicir sen ningún tipo de dúbida que se sentaron as bases para un futuro de Galicia con calidade de vida para os cidadáns, onde remata o crecemento especulativo e onde a ordenación do territorio e a defensa dos nosos espazos naturais vai ir sempre aparellada coa complicidade cidadá na procura de solucións”. CONAMA contará este ano con máis de 3.500 metros cadrados de exposición aberta ao público na que máis de 80 postos das diferentes empresas, organismos públicos e privados, e entidades sociais participantes darán a coñecer as súas actuacións en proxectos a prol do desenvolvemento sostíbel.
Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente.
Descargar Tarifas