Bocixa/ Raquel Rei . Rematou o Entroido, pero continúan as festas en toda Galiza, especialmente as gastronómicas: a fin de semana pasada tivo lugar a Festa da Filloa da Pedra da Baña, e alí estivo ANT TV para documentar o proceso.
A festa da filloa de pedra.
Os ingredientes son ben sinxelos: auga, fariña de trigo e ovos. Unha vez que está a masa feita e a pedra de granito quente, pásase o touciño pola pedra e comezan a saír milleiros de filloas. Amais de comprobar como se fan, falamos con Mónica Tomé, secretaria da Asociación Filloas da Pedra da Baña, que reivindica o xeito de facelas propio deste concello. En poucos lugares queda xa quen faga as filloas á pedra. A tixola, e mesmo máquinas especialmente deseñadas para este fin, como a que funciona en Lestedo (Boqueixón), foron substituíndo á lousa. Segundo nos explica Lola Landeira, as filloas son ben versátiles: poden comerse soas, encherse con mel, nata, chocolate... E tamén chourizo ou rixóns. A pedra é un sistema de cociña tradicional que permite cociñar todo tipo de viandas, como explica Xosé Manuel Mañón, que impartiu un curso de degustación de cociña á pedra. É xa tradicional na comarca da Barcala a carne á pedra. A asociación publicou o libro Receitas con filloas, na colección "A lume lento" da Editorial Alvarellos.
Descargar Tarifas