Redacción . O catedrático da Universidade de Santiago levou o galardón polo seu ensaio 'Nación e Revolución: a teoría política de Emmanuel Sieyès'.
Ramón Máiz, onda Ernesto Laclau
É a terceira vez que o profesor da USC acada o Premio da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA) ao mellor libro de Ciencia Política. Este novo volume, publicado pola Editorial Tecnos no ano pasado, súmase a O Rexionalismo Galego: Organización e ideoloxía (Edicións do Castro, 1994) e Veinte años de Autonomía en España, (CIS, 2003).
Nación e Revolución: a teoría política de Emmanuel Sieyès estuda o traballo deste pensador da Revolución Francesa. Tomando como ideas clave os conceptos de nación e revolución, o autor non só analiza os textos máis coñecidos de Sieyès senón tamén dos seus discursos, folletos e manuscritos, a través dunha interpretación innovadora que se afasta da consideración de Sieyès como inspirador da Constitución de 1791. O libro revela os argumentos fundamentais dunha teoría política en extremo orixinal, complexa e sofisticada.
A Asociación Española de Ciencia Política e da Administración naceu en abril do 93 como consecuencia do avance e expansión destes estudos, sobre todo a partir da Lei de Reforma Universitaria que impulsou a institucionalización definitiva da disciplina. Co modelo de asociación científica, agrupa case todo o profesorado e persoal investigador do Estado, tanto do eido universitario como de centros das administracións públicas, axencias, consultarías e organizacións do terceiro sector.
Os seus obxectivos son o desenvolvemento de estudos en Ciencia Política e da Administración en España, a mellora dos métodos e técnicas de análise, o impulso á investigación e o fomento da cooperación entre o persoal experto na materia, sempre dende o compromiso coa democracia e cos dereitos humanos.