Europa Press . A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, sindicatos e traballadores da área sanitaria de Vigo convocaron hoxe unha 'gran manifestación', que terá lugar o 25 de marzo e partirá de Vía Norte, para reclamar que o novo hospital de Vigo teña un financiamento e unha xestión 'pública' e se garanta así unha asistencia médica 'de calidade'.
Segundo confirmou a Europa Press o presidente da Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Manuel González, esta mobilización emulará a que tivo lugar na cidade olívica o pasado 29 de outubro e que, segundo os organizadores, congregou unhas 15.000 persoas.
Hospital Xeral de Vigo.
González realizou un chamamento "a toda a cidadanía" para que "poña este tema na súa axenda" e se unha ás demandas que tamén efectuaron hoxe máis de medio milleiro de manifestantes, na súa maioría traballadores da área sanitaria olívica, na marcha que convocou a mencionada Xunta de Persoal.
O responsábel da Xunta de Persoal insistiu en demandarlle á Xunta que retire a súa intención de financiar con fondos privados o novo hospital de Vigo, xa que cre que será "máis caro" e ofrecerá "peores servizos" aos pacientes, que ademais verán reducido o número de camas.
Precedentes
González advertiu da "menor calidade asistencial" que sufriron os usuarios doutros centros do Estado –como os de Madrid ou Valencia– nos que os gobernos autonómicos optaron pola mesma fórmula e remitiuse ao caso do Reino Unido, onde esta vía "non resultou" e agora é rexeitada polo 83 por cento dos cidadáns.
Así mesmo, sinalou ademais que o Banco Mundial lle reclamou ao Goberno británico que renuncie a este tipo de financiamento por terminar sendo "insostíbel" e augurou que o novo proxecto da Consellaría de Sanidade pode "multiplicar por cinco" o custo do novo hospital de Vigo.
Descargar Tarifas