Manuel Vilas . Aumenta o número de concellos rurais galegos que ofertan conexións de internet de alta velocidade aos veciños, malia que moitos deles carecen da imprescindíbel autorización da Comisión do Mercado das Telecomunicacións.
A lexislación estatal estabelece que as administracións que queiran lanzar redes para facilitar a conexión dos veciños deben darse de alta como operadores e recibir o visto e prace da Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións (CMT). O Estado busca así eliminar a competencia desleal contra os investimentos privados, favorecendo as solucións públicas só nos lugares non rentábeis para o capital. A iniciativa de Louzán
Antena dunha das redes Wimax subvencionadas pola Consellería de Industria
A día de hoxe, dos 111 concellos autorizados pola CMT no Estado para montar redes públicas só oito son galegos : A Cañiza, Arnoia, Mondariz, O Rosal, Rábade, Salvaterra de Miño, Vilanova de Arousa e Ponteareas.
Con todo, existen máis concellos que están a ofertar este servizo, algo que os coloca nunha situación de aparente alegalidade. Así, o pasado outono a Xunta anunciou a sinatura de convenios para montar wimax públicas nunha ducia de municipios: Boborás, Calvos de Randín, Castrelo de Miño e Manzaneda en Ourense; Ponteareas, Tomiño, Cuntis en Pontevedra; Curtis, Muxía e San Sadurniño na Coruña e Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto e Mondoñedo en Lugo.
A práctica totalidade destas redes xa está en marcha, ou está a piques de entrar en funcionamento. Por exemplo, en Castrelo de Miño, en Ourense, pecharán este mes o prazo para conectarse á rede pública.
Ademais, a Deputación de Pontevedra acaba de presentar un proxecto para crear unha macro-rede sen fíos pola maior parte do rural desta provincia. Iniciativas deste tipo teñen, en principio, difícil lograr a autorización da CMT, pois prexudican os intereses das operadoras con redes propias, R e Telefónica no caso galego. A Comisión xa ten botado abaixo varias wifis municipais, entre elas a do Concello de Barcelona, por este motivo.