Manuel Vilas . O Parlamento de Galicia pide por unanimidade que a banda larga teña o mesmo prezo e velocidade nas aldeas e nas cidades.
O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposta para esixirlle ao Estado que o acceso a internet teña as mesma calidade e prezo no rural ca nas cidades.
Iniciativa de Blanco Parga
A miúdo encirrados na liorta estéril, os tres partidos presentes na Cámara chegaron a un acordo -grazas a unha iniciativa do Bloque- para presentar unhas demandas comúns fronte a Madrid.
A primeira é lograr que todos os núcleos do rural poidan ter acceso á banda larga (internet de alta velocidade) antes de que remate o ano. O certo é que este prazo xa está incluído no polémico PEBA, o Plan polo que o Estado subvenciona a extensión da rede de Telefónica no agro do país.
Cando menos un ‘mega’
O que si é unha novidade é que a Cámara reclame que a velocidade de acceso sexa, cando menos, dun ‘mega’ por segundo. Na actualidade, o PEBA só proporciona a metade desta velocidade, de todo insuficiente para consultar vídeos ou sons no ciberespazo.
Por último, o Parlamento reclama que o prezo que se paga pola ‘Internet rural’ sexa equivalente aos custes do acceso nas cidades e non máis caro, como até agora.
200.000 galegos esquencidos
O promotor da iniciativa, o deputado nacionalista Fernando Blanco Parga, advertiu que “a fenda dixital está a aumentar”. Para solucionar este problema, Parga pediu que o Estado transfira competencias a Galiza.
Blanco Parga denunciou que Telefónica considera que unha zona ten cobertura cando o 80% dos fogares poden acceder, o que exclúe do ciberespazo a 200.000 galegos.
Na súa opinión, o PEBA non está adaptado á realidade do país. Por iso, demandou a transferencias en materia de telecomunicacións.
Posición socialista
Dende o PSOE, Xosé Manuel Gallego Lomba admitiu que “en Galicia vai ser complicado chegar ao 100% de cobertura en 2008” debido á orografía pero defendeu a eficacia da acción estatal.
Casa do concello sen internet
O conservador Bernardo Tahoces alertou que pedir só un ‘Mega’ para o rural pode quedar axiña obsoleto.
Logo dunha breve negociación entre os tres grupos, pactouse demandar esta velocidade como mínimo e, asemade, esixir a chegada das conexións de até 10 ‘megas’ aos edificios que aínda hoxe non teñen banda larga. Entre eles mesmo hai sedes consistoriais, como a do Concello de Aranga, denunciou Blanco Parga.