Redacción . A Plataforma para a Defensa do Sector de Transporte de Mercadorías por Estrada anuncia unha folga 'indefinida, apoteósica e terrible' até que non se atendan as súas reclamacións.
A Plataforma para a Defensa do Sector de Transporte de Mercadorías por Estrada advertiu hoxe de que, a partir do próximo día 6, se vivirá unha folga "apoteósica e terrible", polo que recomendou á poboación que se provea de alimentos e produtos de primeira necesidade. "Avecíñase unha catástrofe a nivel nacional", insistiu o voceiro galego e nacional da Plataforma, Antonio Llanos, posto que "se vai parar toda España" e informou de que a folga será "indefinida" até ser recibidos polo Goberno. "E que atenda ás nosas reclamacións", apostilou e confiou en que "entenderá a resposta dos transportistas". As súas reclamacións céntranse en diseñar unha norma que garanta un prezo estable do carburante que sexa revisable e actualizable semestralmente, así como outra que asegure ao transportista o cobramento dos portes e que non teña que realizar traballos de carga e descarga; entre outras. En canto á parte social, esixen que se recoñezan as enfermidades profesionais, que se poña en coñecemento aos traballadores dos seus dereitos, que se revisen de modo "urxente" as normas de condución e descanso e que se constrúan máis áreas de descanso vixiadas e pechadas. Ademais, o voceiro da asociación indicou que esta plataforma reúne ao 87 por cento dos traballadores do sector e confirmou que ao paro xeral que vivirá España se sumarán, o próximo mes, Francia, Italia e Alemaña. Discrepantes Pola súa banda, o presidente da Federación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram), Belarmino Torrente, avanzou que a súa asociación "non se sumará ao paro" porque non están "de acordo" cos modos de actuación da Plataforma e optou por esgotar as vías de negociación antes de recorrer ao paro. Na mesma liña, o presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), Alfonso Parga, explicou que Guitrans está a manter reunións en Madrid co Goberno, das que esperan obter melloras que non fagan necesario ir á folga. Non obstante, admitiu que a Administración "non pode facer nada" en canto ao prezo do combustible, posto que España aplica o mínimo de impostos dentro dos límites fixados pola Unión Europea, polo que asumiu que as protestas terían que ser "a nivel europeo".
Representantes sindicais do sector do transporte nas oficinas da Xunta en Vigo. AGN