Redacción . Esta mañá, Gabriel Castellán, portavoz do exército de Israel para os medios de comunicación admitiu, aínda que non de xeito explícito, que os militares empregan fósforo branco na súa ofensiva en Gaza.
Nunha entrevista concedida á RNE, Gabriel Castellán recoñeceu o uso deste elemento químico nas súas operacións na Franxa de Gaza. Preguntado sobre o emprego do fósforo branco, o portavoz do exército israelí contestou que Israel “emprega todo o armamento de acordo coas leis internacionais”. A continuación, un xornalista engadiu “iso significa que si, porque non está prohibido polo dereito humanitario internacional” e Castellán repetiu que “todo o armamento é usado de acordo coas leis internacionais”. Neste sentido, cómpre lembrar que o dereito internacional non prohibe especificamente o uso do fósforo branco. No 2006, Israel admitía que utilizara esta arma durante a súa ofensiva no Líbano contra o movemento xiíta de Hezbolá. Este elemento químico pode causarlles graves queimaduras ás persoas situadas no seu radio de alcance.
Palestinos son rescatados dos cascallos en Gaza.
Culpa o pobo palestino
Durante a entrevista non só se falou do fósforo branco. Castellán apuntou que “o liderado de Hamas se escondeu” e engadiu que “o pobo civil loita en Gaza contra os problemas que eles mesmos crearon”.
Preguntado polas mortes de civís a man do exército de Israel, o portavoz dixo que esa pregunta debería ir destinada a Hamas, e non ao país hebreo. Ademais, apuntou que no caso da escola da ONU na que mataron varias persoas produciuse porque “Hamas non ten ningún tipo de consideración co seu pobo civil e elixiu unha escola das Nacións Unidas para disparar permanentemente contra Israel”. O exército hebreo “non dispara contra obxectivos civís, dispáralle aos lugares desde onde dispara Hamas”.
Israel “defende o seu pobo”
“Calquera organismo ou exército ten que ter uns mínimos valores morais e coidar o seu pobo, e máis sabendo que nos atopamos en épocas de combates”. Segundo Castellán, Hamas usa os cidadáns como “escudos humanos” e o deber do exército de Israel é “defender o seu pobo”. Ademais, o portavoz para os medios de comunicación asegurou que os israelís “advírtenlle á poboación dos lugares que van ser atacados e fai o posíbel para reducir o número de vítimas civís”.
Descargar Tarifas