
Hai uns días discutín cun parlamentario e cun membro do goberno sobre as causas da paupérrima situación económica dos concellos. Eles culpaban do problema os propios concellos, que moitas veces se negan a cobrar taxas polos servizos que prestan, xerando un elevado déficit nas súas contas. Non é difícil atopar en Galiza gobernos municipais que non cobran polo abastecemento de auga ou pola recollida de lixo, ou que cobran cantidades ridículas, pero aínda así, creo que isto, sendo certo, non é a verdadeira causa do problema.
Neste país falar de transferencias é sinónimo de falar de competencias e recursos económicos que se transfiren do goberno central á Xunta de Galiza; e así foi nos últimos 28 anos. Competencias e servizos que, ao final, por proximidade, foron prestados moitas veces polos concellos, pero sen recibir a cambio nin un só euro. O Pacto Local, asinado entre a Xunta e a FEGAMP, está intentado mudar esta situación.
Se lle botamos un ollo a Europa, os datos cantan e dinnos que aquí temos tres problemas fundamentais: unha débil participación no gasto público, en torno ao 13 por cento, só por diante de Grecia e Portugal; unha excesiva contribución dos ingresos propios, por riba do 50 por cento fronte a soamente un 36 por cento no conxunto de Europa; e unha débil achega das demais Administracións Públicas aos orzamentos locais, un 36 por cento fronte a unha media de máis do 44 por cento en Europa.
Partindo da autonomía que a Constitución lles recoñece ás entidades locais, creo que vai sendo hora xa de falar de descentralizar competencias e recursos do Estado e da Comunidade Autónoma aos concellos, superando as tradicionais ansias centralistas da dereita, pero tamén dunha boa parte do nacionalismo galego, que reivindica todo tipo de traspasos para a Xunta de Galiza, pero logo non aplica a mesma receita cando se trata de traspasar competencias e recursos de Santiago aos municipios, interferindo ou tutelando incluso de facto en ocasións competencias propias destes.
Os concellos galegos padecen ademais a enorme dispersión da súa poboación, dificultando e encarecendo todos os servizos que prestan. Deberiamos empezar a pensar este país localidade a localidade e, mediante o diálogo, chegar a un acordo que incremente notabelmente os recursos económicos dos concellos, tendo en conta a nivel estatal os criterios de dispersión e extensión do territorio. Ese día a transición política e o Estado das autonomías estarán completos.