M. V . Máis de 7.600 persoas, sobre todo habitantes de áreas illadas, xa recibiron formación en informática grazas a labor do cento de bolseiros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Unha iniciativa da Consellería de Industria para sacar o máximo proveito das aulas informáticas espalladas polos concellos rurais do país.
Aula de informática en Coles. P.R.
A Xunta leva investido case un millón de euros na posta en marcha da Rede, que xa vai pola súa segunda xeración de dinamizadores. A maior parte destes bolseiros, que foron formados previamente pola Consellería, son mulleres. É máis, na última promoción de formadores tan só había un home.
Segundo datos do Executivo, a Rede organizou dende a súa posta en marcha en 2007 máis de 1.500 actividades, incluíndo 1.076 obradoiros e 35 cursos específicos e ducias de exposicións. Iniciación á informática, ao uso de internet, sinatura dixital, emprego do correo electrónico ou busca de traballo a través da rede son algunha das materias impartidas. En total, as horas de formación ofertadas até agora superan as 11.000.
Algo máis que déficit de conexións
A Xunta apostou pola Rede nun intento de aproveitar as infraestruturas públicas de moitos pequenos concellos, que até entón estaban infrautilizadas pola ausencia de formadores. E é que, a falta de preparación dos galegos para as novas tecnoloxías –especialmente das persoas maiores que viven no agro– foi unha das barreiras identificadas por Industria na elaboración do PEGSI, o primeiro plano de novas tecnoloxías do Goberno Galego que acaba de cumprir un ano.
Así, por exemplo, neste intre pódese aprender a deseñar páxinas webs no Porriño, a usar Linux en Sarreaus, a procesar textos en Boborás e os fundamentos da informática en Coles.