Europa Press . Traballadores do Servizo de Emerxencias 112 Galicia entregaron hoxe 4.134 firmas no rexistro da Xunta para esixir que a Administración autonómica asuma a xestión desta actividade que, actualmente, depende dunha empresa subcontratada.
Traballadores do 112 durante unha protesta.
Logo de entregar as máis de 4.000 sinaturas, os representantes deste colectivo solicitaron unha reunión co conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, e reiteraron que non "pararán" até lograr o seu obxectivo. Así llo asegurou a Europa Press a presidenta do comité de empresa, Isabel Moares, ao termo da protesta que protagonizaron en Santiago uns 40 empregados.
Tras a marcha, Moares recordou que os responsábeis da Axencia Galega de Emerxencias negaron "rotundamente" a posibilidade de que a Administración autonómica se volva a facer cargo do servizo. No entanto, sinalou que "non renunciarán" a esta reivindicación e aproveitarán o "momento delicado" que se deriva da proximidade das eleccións autonómicas para reiterar as súas demandas.
Inestabilidade laboral
Ademais, advertiu de que a maior parte dos operadores no persoal "poden ser despedidos" no caso de que a concesión do servizo se lle adxudique a outra empresa, dado que cada ano sae a concurso público. "A experiencia é un factor moi importante nun traballador do Servizo de Emerxencias", recordou Moares.
Os traballadores tamén denuncian que as súas condicións laborais e salariais están reguladas polo convenio colectivo dos empregados de telemarketing, hoxe denominado Contac Center, segundo apuntou Moraes. "O noso traballo non ten nada que ver porque non vendemos produtos nin servizos, somos responsábeis da vida da xente", engadiu. A esta cuestión súmase, como sinalou, a obrigación dos operadores do 112 de estar dispoñíbeis "as 24 horas do día e os 365 días do ano".
A pesar de dispor de días libres, a organización das quendas de traballo “tradúcese en longas xornadas laborais”. De aí que os representantes dos traballadores esixan que se amplíe o número de traballadores de cada quenda, que están integrados por unhas oito ou dez persoas durante o día e "menos" polas noites.
Descargar Tarifas