Europa Press . Os traballadores de Caramelo ameazaron hoxe con romper de forma definitiva as negociacións que manteñen cos responsábeis da empresa sobre a aplicación do expediente de regulación de emprego se a dirección da fábrica non readmite os 19 compañeiros despedidos o pasado 15 de xuño.
Protesta dos traballadores de Caramelo.
Así o apuntou a portavoz da CIG-Téxtil, Dores Martínez, quen esta mañá fixo entrega do prego de descargas polos compañeiros despedidos na fábrica situada no polígono da Agrela tras ser identificados como responsábeis de desfeitas que se rexistraron na factoría.
"Non negociaremos se para iso temos que entregar en bandexa a cabeza dos nosos compañeiros", comentou Dores Martínez, á vez que cualificou de "inadmisíbel" a prórroga de dez días facilitada pola empresa para presentar as alegacións polo despedimento dos 19 traballadores.
Neste sentido, a CIG considera que se trata dunha medida coa que a empresa pretende "gañar tempo", mentres trata de chegar a un acordo co resto de traballadores da fábrica.
Con todo, Dores Martínez deixou claro que será "fundamental" para a negociación do despedimento dos 237 traballadores que os traten a todos igual". "E cando digo a todos, tamén é os 19 despedidos", agregou a representante do sindicato nacionalista.
Á espera da negociación do próximo luns, os sindicatos volveron reclamar a mediación do conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, quen, a xuízo dos traballadores, debe xogar un papel "determinante" na mediación dun conflito que lle afecta en primeira persoa", concluíu Dores Martínez.
Descargar Tarifas