Manuel Vilas . O presidente da Xunta xustificou hoxe o seu apoio ao recurso contra o Decreto das Normas do Hábitat –elaboradas pola Consellería de Vivenda– presentado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que preside un alcalde socialista. Con todo, Emilio Pérez Touriño negou a existencia dunha estratexia común dos alcaldes e dos conselleiros socialistas contra as consellerías nacionalistas: 'esas lecturas de pinzas son todas lamentábeis e responden a intereses enganosos para desgastar o Goberno'.
Emilio Pérez Touriño, secretario xeral do PSdeG-PSO. AGN
1 / 2
Emilio Pérez Touriño insistiu na “total lexitimidade” dos municipios para buscar o cambio das Normas redactadas polo departamento de Teresa Táboas. En todo caso, negou rotundamente que sexan os alcaldes socialistas os protagonistas da 'rebelión' contra Táboas.
Defende os fins das Normas
O líder socialista tamén defendeu o espírito do Decreto, que leva a súa rúbrica, e a súa “aposta clara pola mellora da habilitade”. Para o presidente o recurso “forma parte da normalidade” e comparouno cos recursos sobre competencias presentados pola Xunta contra o Estado.
O líder socialista galego admitiu ter abordado con Táboas a necesidade de dialogar cos edís opostos á norma. Así, salientou que o Comité de Seguimento das Normas –aínda por formar– é o foro adecuado para a interpretación da lei. Ademais dixo que, unha vez debatido o asunto, “se hai que cambiar algo, cámbiase”.
Busca calmar aos informadores
O presidente tentou calmar o gran interese dos medios sobre este asunto, que está a provocar unha crise na Xunta. “Pódenme preguntar até as seis da tarde que eu seguirei na mesma posición” e “acepto democraticamente que vostede me pregunte o mesmo vinte veces” foron dúas das frases do mandatario para evitar profundar máis no tema.