PUBLICIDADE
Martes, 13 de maio de 2008
CONTRA A NEGOCIACIÓN BILATERAL CON MADRID
Touriño di que na Xunta só hai unha postura en canto ao financiamento

Manuel Vilas O presidente da Xunta tentou dar unha imaxe de 'unidade de Goberno' ante as fortes diverxencias co BNG na negociación do financiamento autonómico e das transferencias co Estado. Emilio Pérez Touriño prefire centrarse nos traspasos xa pactados con Madrid e nega, malia sufrir un curioso 'lapsus linguae', que os 'diferentes matices' estean a agromar ante un adianto electoral.

 08.05.2008 | 14:25

Quintana, Touriño e Méndez Romeu no Consello da Xunta
Quintana, Touriño e Méndez Romeu no Consello da Xunta
O mandatario apuntou que “parece que algún está nervioso ante a proximidade do ano electoral”, que fixou en 2009. Porén, cando se despedía Touriño –e ante a avalancha de cuestións dos xornalistas sobre a proposta de Anxo Quintana de negociar con Madrid entre iguais– preguntou en ton irónico “Que pasa, imos estar así sete meses?”.

O problema dos incendios

Sete meses situarían as eleccións en novembro, hipótese manexada no Bloque, que non descarta que os socialistas adianten os comicios ao outono. Os nacionalistas temen que o PSdeG fixe as eleccións xusto despois da tempada de incendios que poden prexudicar a imaxe da consellería de Medio Rural, xestionada por esta formación.

Con todo, Touriño insistiu en que “non é o momento de explicar as diferenzas, é o momento de conseguir as transferencias de Madrid”. O líder socialista defendeu con vehemencia que na Xunta hai unha “unha soa voz” sobre este tema.

O PSdeG obvia a convocatoria de Quintana

Non obstante tivo que admitir que o PSdeG non comparte a proposta de Quintana de reformar a Comisión que negocia as transferencias. “É verdade que non hai ningunha postura nesa dirección”, indicou en referencia ao seu partido, que acaba de negarse a reunirse co Vicepresidente este serán sobre este punto.

O presidente da Xunta insistiu que “hai unha axenda pactada” entre a Xunta e o Goberno Central e que tentar ampliar a negociación das transferencias “non forma parte da axenda política”.

Non ao reparto 'per cápita'

Sobre a inminente revisión do financiamento autonómico argumenta, ao contrario que o Bloque, que unha negociación bilateral prexudicaría a Galiza e beneficiaría ás comunidades ricas como Cataluña. O mandatario detallou a estratexia que aplicará o conselleiro de Economía, o socialista Xosé Ramón Fernández Antonio, na negociación.

Lograr máis autonomía orzamentaria e que as comunidades máis avellentadas reciban máis cartos son dúas das claves da postura do Goberno autonómico. Outro obxectivo é evitar un reparto dos cartos do Estado 'per cápita', como solicitan os cataláns.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil