Manuel Vilas . O presidente da Xunta fixo esta mañá unha defensa da promoción do galego dende un 'exquisito respecto á liberdade'. 'Galiza será máis rica na medida en que poidamos expresarnos en galego, castelán e tamén nun idioma estranxeiro' indicou Emilio Pérez Touriño a raíz da polémica polas axudas aos comercios que rotulen no idioma do país.
O presidente na rolda de prensa tras o Consello da Xunta
O líder do PSdeG acusou o PPdeG de buscar réditos electorais mediante a confrontación: “parece que alguén quere que teñamos problemas co galego”.
Os conservadores negáronse onte a apoiar no Parlamento de Galicia unha proposición para que primar aos comerciantes que rotulen en galego. O PP entende que isto vulnera a liberdade lingüística das persoas.
“Non se vai impor”
Unha visión que non comparte o xefe do Executivo, quen comprometeu que “a lingua é un valor do país que non se vai impor”. “As administracións temos a obriga de traballar pola súa utilización, facer disto un problema só oculta a busca de réditos electorais e partidarios” indicou o mandatario.
En todo caso, Touriño cre equivocada a suposta estratexia do PPdeG de buscar o enfrontamento polo idioma. Así, aconsellou a Alberto Núñez Feixóo de que valorase que nas pasadas eleccións “os cidadáns déronlle as costas a España do monolingüismo”.