
O mes pasado entregáronse os moi pouco republicanos premios Príncipe de Asturias. O galardón permite poñerlle unha lupa a algúns persoeiros que admiramos e dos que nos aledamos que lles dean o pouco republicano premio. Penso, por exemplo, na escritora Margaret Atwood ou, para o que quero contar aquí, no filósofo francés de orixe búlgara, Tzvetan Todorov.
O seu nome, rotundo coma un licor forte e ardente, Todorov, para min sempre foi sinónimo de estudo na facultade de Filosofía, onde estudei. Porén, e por fortuna para min, pasado o tempo, xa licenciado – coma na mili que non fixen, por fortuna de conciencia – coñecín outra parte da súa obra, moito máis interesante. Agora que o penso, foi igual que con Chomsky, que na facultade só estudamos a súa teoría lingüística e, que eu recorde – pero xa vou maior e quizais é que perdín recordos, pero aposto a miña praza na vindeira viaxe do IMSERSO a que non – só nos falaron da famosa teoría da linguaxe xenerativa cando, o que de verdade interesa de Chomsky é todo o demais ( aínda que deste si que fun sabendo, pero pola miña conta, por fóra das aulas).
Do seu paso por Oviedo para recoller o pouco republicano premio, destacamos as súas declaracións, sabias, cando dixo que hai que defender o respecto por todos os pobos. Pensei: iso implicará, supoño, ao pobo galego. Daquela, recomendo vivamente aos meus paisanos galegófobos a lectura de Todorov – a parte lingüística non, por favor – para aprender que hai que respectar porque, como Todorov engadiu “ser civilizado non significa ter cursado estudos superiores ou ter lido moitos libros, senón ser capaces de recoñecer plenamente a humanidade dos outros, aínda que teñan faces ou hábitos distintos”. E rematou: “por como percibimos e acollemos aos outros, aos diferentes, pódese medir o noso grao de barbarie ou civilización”.
Daquela, volvín pensar: os meus paisanos galegófobos que nos machacan aos galegófilos ( todo isto semella nome de enfermidades ) de fanáticos, radicais e perigosamente perigosos perigosísimos deberían ler a Todorov e entender que o respecto é un síntoma de sabedoría e, xa que logo, o desprezo pola diferenza, unha evidencia de ignorancia.
Non o digo eu, senón Todorov, Premio Príncipe de Asturias, así, todo con maiúsculas, para impresionar máis.