Armando Requeixo . Poemario publicado no 1978 que homenaxea unha das cidades máis cantadas polos poetas mais tamén recorda figuras clave da nosa cultura.
Tempo de Compostela Autor: Salvador García Bodaño. Edita: Do Cerne, 1978, 72 pp. Non se ten gabado suficientemente o valor dun poemario como Tempo de Compostela de Salvador García-Bodaño. Publicado por vez primeira en 1978 nunha edición de circulación moi restrita que contaba cun fermoso prólogo de Álvaro Cunqueiro, reeditouse uns meses despois en Edicións do Cerne. Este segundo libro levaba na cuberta un gravado de Afonso Costa, autor tamén das ilustracións interiores. Con posterioridade (1993, 2002), houbo aínda outras edicións que ampliaron e/ou modificaron o material poético contido na obra, que tivo a fortuna de verse novamente reimprentada non hai moito (2004) nun volume de grande tiraxe que se regalou con El Correo Gallego. E, secasí, os intensos versos de Tempo en Compostela recibiron unha atención meridiana que, sacado honrosas excepcións, non fai xustiza aos indubidables achados poéticos que aquel libro de hai vinte anos segue a ofrecer. Santiago é unha cidade tan literaria coma real. Foi memorablemente cantada por grandes poetas casteláns (Gerardo Diego, García Lorca...) e, ocasionalmente, foi o vórtice creativo de antolóxicos poemas dalgúns outros escritores galegos de onte (Bouza Brey, Seoane, Díaz Castro...) e de hoxe (Ricardo Martínez Conde, Xavier Lama). Mais coido que ninguén como García-Bodaño fixo da cidade catedralicia epicentro da súa escrita, pois non foi este o único título que o autor lle dedicou, xa que tamén a novela Os misterios de Monsieur d’Allier (1992) e o recente poemario Cidade virtual (2003) seguen a ter a Compostela como referente principal do seu mundo literario. A vivencia do pulso da cidade dende as rúas letárxicas e melancólicas embebeda os poemas de Tempo de Compostela. Neles prodúcese unha estraña alquimia na que amalgaman a denuncia social e histórica co intimismo tebreguento do eu máis persoal. Desfila así polo libro o pasado da cidade e, con el, aqueles sinais que forxaron a súa identidade: a arte encerrada en edificios e vieiros, a música que a envolve, os viaxeiros que a habitaron. Mais tamén hai lugar no seu canto para a denuncia da nación alxemada, que daquela ía ventando os aires do cambio nas hedras do sangue polo que agatuñaba a patria clandestina que degoiraba deixar de selo. A parte final do libro agocha unha nova sorpresa: os “poemas nominados”, elexías coas que rememora a vida e a obra de persoeiros de noso como Rosalía, Otero Pedrayo, Cabanillas, Castelao, Maside, Penzol, Del Riego, Seoane ou Piñeiro. Todos eles constituíron, dunha ou doutra maneira, a irmandade connatural e sentimental dun García-Bodaño que remataba a obra evocador e lapidario, lembrándonos que: “Compostela é unha rúa longa/ na memoria/ onde vagan os nomes/ e as horas/ que cada quen recorda...”. Imposible agora xa recordar Santiago sen pensalo tamén cos versos de Tempo de Compostela, pedras de soño nas que aniña a paisaxe da alma dunha cidade e o seu poeta.
Salvador García Bodaño
Descargar Tarifas