PUBLICIDADE
Sábado, 13 de marzo de 2010
Do 3 ao 11 de Xullo
Teatro de Ningures abre a Mostra de Teatro de Cangas

Redacción .  Unha das citas teatrais con máis historia do país, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo chega a súa vixésimo sexta edición ofrecendo un amplo panorama teatro de comedia.

Reloxo 02.07.2009 | 14:36

No comment, de Quico Cadaval No comment, de Quico Cadaval

É unha das citas imprescindíbeis da axenda teatral galega. A XXVI Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas comeza mañá coa representación de Os cómicos dell'auto, unha peza para a que Teatro de Ningures deixa os escenarios e toma a vía pública, un espectáculo ambulante que –tomando como base a tradición da Commedia dell'Arte– se desenvolve arredor dun percorrido en autobús que irá facendo paradas naqueles espazos máis axeitados para que o público se concentre arredor del. No medio do traxecto, o actor Avelino González lerá o pregón da Mostra.

A esta homenaxe ao teatro popular e ambulante, seguiralle a primeira representación do Auditorio Municipal, a cargo de PT Excéntricas dirixidos por Quico Cadaval: No Comment é unha comedia sobre o crack do 29 que cuestiona a orde internacional que propiciou aquela crise, vista dende a óptica dos operarios da construción. A oportunidade do tema semella incuestionábel.

A partir de aí e ata o día 11, sucederanse os espectáculos de rúa e de escenario. A compañía madrileña La escapista, coa obra Mejorcita de lo mío, indagará nas feridas que nos deixa a vida; os andaluces de La Zaranda mostrarán que a capacidade do ser humano para rir pode superar as máis duras probas en Los que ríen los últimos; Teatro Meridional contaranos a historia dun misterioso cámping no que recala unha parella que quere pasar nel a súa noite de vodas. O capítulo máis exótico vén da man do mimo polaco Ireneuz Krosny. E os clásicos tamén terán o seu oco: os castelán-manchegos de Fuegos fatuos presentaranos a súa versión de Tres sombreros de copa e Atalaya traerá a súa multipremiada versión das Divinas palabras de Valle.

O sábado 4, Quico Cadaval estreará un espectáculo, Conversatorio, no que, coa axuda dunha vendedora de tempo, conversará con todo aquel que se preste a pagar unha pequena tarifa. O público poderá ver, pero non ouvir, a conversa, que terá lugar nun escaparate da rúa Eugenio Sequeiros. Cadaval asegura a confidencialidade dos contidos desta entrevista, aínda que lle dá liberdade ao seu interlocutor para difundilos e mesmo deformalos.
O domingo 5, a partir das dez e media da noite, esta edición da Mostra presentará unha das representacións máis singulares: Teatro de Ningures volverá á rúa para recrear o desembarco dos turcos de 1617 en Cangas e a escura historia de María Soliña. O espectáculo desenvolverase en varios puntos da vila e ten como obxectivo reivindicar a figura de unha das heroínas populares máis célebres do país e exorcizar as sombras do odio e a intolerancia.

Ademais, a programación contará con teatro para cativos, monicreques, maxia polas rúas, contacontos para adultos e para nenos, obradoiros e un encontro de directores de escena. A programación completa pode consultar se na páxina do festival.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río