Que cousa máis «Tope guai del Paraguai»! como dirían as nenas da Coruña que non fan caso de Eduardo Pondal (nin mesmo de Xoán Pardo).
Dá xenio ver os balcóns e fiestras xenebrinas adornadas con milleiros de bandeiras que atestan da sona cosmopolita da que a nosa amada vila é depositaria.
Estas bandeiras tamén nos mostran de que xeito a integración é importante para o "espírito de Xenebra" se observamos a mestura e o colorido co que esas fachadas "fachendosas" nos deleitan (se se ten tendencia ao deleite vendo tanto farrapo). Ás veces até se ven dúas ou tres enseñas diferentes que anuncian á comunidade multicolor e pluricultural, que vai coa testa ergueita polas rúas da vila, as parellas e familias que se arman de forma natural con xentes vindas de horizontes dispares e lonxanos.
Eu, no que a min respecta, aparte o dato estadístico que veño de describir, non me gusta nada tanto ondear de bandeiras, se cadra estou un chisco ciumento de non ver a Galega por ningures, un paxariño díxome que a parte negativa disto é un nacionalismo exacerbado. Nalgunha parte non é normal que rapaces da segunda (e mesmo da terceira) xeración de inmigrados saian as rúas berrrando envolveitos nunha bandeira do país dos seus avós e non na bandeira suíza "ubi bene, ibi patria" que é loxicamente a súa verdadeira patria. Estes rapaces deixan arruinar paradoxicamente os clubes de futbol da súa vila porque nunca van ao estadio.
A propósito de bandeiras ao vento, estando eu rematando na miña xornada de traballo (bebendo uns branquiños cos colegas) ouvín un estrondoso barullo que se achegaba pola rúa: España, España, España…
Abrín a xanela para adquirir información de cal era o motivo de tal algueirada e vexo vir unha xolda de mozos garridos monumental, asemellando unha entroidada, envoltos en refulxentes «rojigualdas», uns trinta rapaces desprazábanse de Plainpalais a Rive que é onde ten por costume os siareiros do Real Madrid e outras seleccións españolas de se xuntar.
Viñan marchando con paso marcial e o corazón tan enchido que o eco rebotaba nas pétreas paredes do pazo de xustiza de xeito que aínda non rematara …. aña que xa se ouvía Espa… Calqueira lles saía ao paso… Miña nai canta paixón!
Achando que se trataría de seguidores vidos de Vallladolid, de Toledo ou de Talavera de la Reina, acaroei a soleira da fiestra e requerinlle ao zagal, que pasou máis ao meu carón, de onde viña, respondeume con acento xenebrino:
– Hje suis genevois! "Ægroto dum anima est, spes est" pensei e calei…
Albano da Greleira, bandeira na faciana
Xa estaba de media volta para darlle outro grolo a taza de branco cando me decato de reollo que detrás da alegre comitiva ía Albano da Greleira co seu neno pola man coa bandeira marela e bermella pintanda en toda a faciana (na del e na do neno). Vaia pola Virxe do Carmo! Que delicia!
Como queira que o Albano tamén se decatou da miña identidade, veu correndo, maxinando que eu tamén estaría ledo pola humillación que España viña de lle inflixir a Rusia e doume a man berrando:
–Vistes que masiao, tio!, ao cal eu respostei con un encollemento de ombreiros:
– Vin ho, vin!
Mentres que os outros participantes da esmorga se ían afastando e podíamos comunicar con máis folguedade, logo de preocuparnos mutuamente da saúde da familia un do outro, chegamos a comentar do meu blog do cal Albano me manifestou o seu oprobio porque a miña prosa lle parecía pouco axeitada, de mal gusto e o texto indigno dunha persoa coma min. Reprochoume con rotundidade esa miña manía de ferir a sensibilidade da xente de xeito tan alegre.
Procureille en que o podía incomodar tanto os meus textos e non andou por catro camiños:
– Pois olla, en primeiro lugar empregas termos un tanto vulgares, o tema tratado é cando menos mediocre, falas da probe xente cunha desenvoltura indecente, falas sen tino, coma un atoleirado, saltas dunha cousa na outra de xeito que é imposible de seguirche o fío… Non sigo porque non serve de nada remoer o coitelo na ferida…
Eu, un pouco atordado pola crítica que me viña de ser tan directamente enfiada, a miña moleira ficou un instante desequilibrada sen saber, así de súpeto, que lle dicir.
Pedinlle desculpas por ter magoado a súa delicadeza de home sensible e cultivado pero a astucia da saida en «catimini» non o convenceu e díxome:
–Non me fodas! se estiveras tan sentido, trocabas o contido da novela estragada pero de feito é así que demostras a tua filiación política.
–De que filiación política falas? dixen eu pondo cara de sorpresa.
–Veña, non fagas o parvo! Vese ben que pertences ao BNG.
–E en que raios se ve?
–Pois,… non sei que queres que che diga! É implícito nas tuas galimatías! Na túa mala hostia!
Procurei un punto de encontro e, cando xa comenzaba a cheirar a segundas intencións, cortei de contado:
–Pois ti dirás o que che pete, pero sonche ben mais educado que ti, porque envolto nesa bandeira e coa cara pintada de mona, se fora tan descortés, diríache que a quen se lle ve de lonxe a que partido pertence é a ti.
Os que me coñecen saben que eu, en verdade, penso que Albano da Greleira non pertence a ningún partido (é un votante raso) que fai parte dos que non entenden de política, o que lle fala de problemas é do Bloque e o que celebra os goles da selección é un tipo simpático… Non se lle poden buscar máis pés ao gato… É así e basta.
O caso é que, de repente, o rapaz de Albano, notou que a atmosfera se enrararecía, turrou por el. –Papá os outros xa non se ven.
–Ya imos, Kevín, ya imos!
e decíndome adeus de media gana, largouse coma un coello. "Ut ridentibus arrident, ita flentlbus adflent" Dicía Horacio na súa Arte Poética, en terra de lobos, ouvea coma todos.
Extrapolando a reacción de Albano ás persoas que por este mundo de Deus perduran, maxino que moitos Albanos entre eles pululan.
Sen tentar de me retraer (ao feito peito) gostaría que os meus lectores (xa empezo a falar coma un deses da corbatiña nas tertulias tomateiras, xa, xa! ti non as miras pero sabes ben do que falo!) dicia eu que me encantaría que os meus lectores me condonen (de que me soa a min esta palabra?) a xenreira que lles causo por unha simpatía que non merezo (non son máis modesto porque, a verdade, non adestro).
Pois si, home si! vou tentar aínda que, repito, non teña por que xustificarme, de explicar o porqué da miña actitude tan chea de suficiencia e de pouco respecto cara as almas sensibles:
Primeiro (e principalmente): E que me dá un gusto dos demos…. que xa é unha razón de peso, se razóns de peso non é unha maniera de falar sen moito sentido, quen vai agora pesar as razóns para ver se se ten razón? E se a razón fose lixeiriña? Tiña por iso menos valor, a razón?.. Ok!... agora veño!
Segundo (que non secundariamente): Na escola non aproveitei moito o tempo, lembrades? As pernas de Clarisa e os consellos da douta Dona Carme, ou era Dona Lola? Teño un oco na mioleira… debe ser o alemán que me agocha as chaves… como se chama, oh? algo así coma Alzheimer. Para o caso, non debe ter moita importancia Dona Lola ou Dona Carme eran as dúas boas polas… O caso é que tomedes nota do feito intrínseco de que se son ignorante, en parte é miña culpa pero en parte non… e como imos por partes pois mira ti! Se o de intrínseco non está no bo retrinco literario pois podedes buscar vos mesmos..
Terceiro e derradeiro (non imos estar dándolle tombos até mañán): Non sei ben se será unha causa exculpatoria con suficiente peso (coma a razón) pero dame a impresion de que A Nosa Terra recibe unha subvención da Xunta para darlle sítio (e voz) aos discapacitados psíquicos (que ninguén mo dixo pero en tanto que tal, teño dereito de pensalo). Vaia por proba que nin siquera me corrixen as faltas de ortografía para darlle mais credibilidade (debilidade) á cousa.
E se o fixeren, teñen moita razón (polo menos unha razón liviá) secadra aínda vou facer xestión no Consello de estado xenebrino para que lle dean tamén unha que en realidade correspóndelle ao goberno do lugar de residencia de tomar conta dos seus disminuidos, ou logo non está previsto iso nos acordos bilaterais?
Agora que eses tolos do Bloque entraron na Xunta, andan guindando cos cartos para soster esas iniciativas raras para dignificar a xente coma min, que lle falta unha casilla. Mentras estaban os outros tamén deron subvencións pero como había que pertencer a culimalla para ter dereito, a culimalla encheuse de xente avariada e así non che hai cartos que chegen. Eu xa llo dixen a Ernesto das Caselas (Cac… perdon! militante da dereita do centro tirando a conservadores liberais) que de seguir chanchullado así convertirianse nos seus propios enterradores. Ves, Ernesto, ves agora, de tanto fozar no esterco sen estrar a corte (tapar a merda) o porco apaña a malaria…
Habería que aproveitar agora que temos como presidente do parlamento xenebrino unha galega. Os arxentinos contan chistes de galegos, os xenebrinos son máis finos, noméanos presidentes do parlamento así rinse mais e ninguén os trata de racistas.
De feito, agora teño que ir comer un bocado que non estou gordo de escribir… Noutra entrega tratarei de extenderme e de ser mais comedido, palabra!