Armando Requeixo . Tres relatos con título evocador que xunguen o mellor da nosa tradición literaria polo gusto polas historias ben contadas.
Os inmortais Autor: Nacho Taibo. Edita: Castrelos, colección O Moucho, 1975. Hai autores –e obras, xaora– sobre os que plana unha incomprensible desatención cando non un ominoso silencio, e iso, moitas veces, malia teren gozado no pasado dun recoñecemento certo. Coido que o caso de Nacho Taibo é un exemplo posible desta situación. ¿Que ten feito que un escritor co oficio e a habelencia narradora que sen dúbida el posúe non alcance todos os laudes que merece? Probablemente a resposta teña máis que ver co extraliterario que co estritamente textual, así que, lonxe desa natureza de consideracións, préstame agora lembrar a quen queira ler que hai máis de tres décadas Taibo deu ao prelo Os inmortáis (1975), o seu primeiro libro, nacido ao abeiro editor de Xosé María Álvarez Blázquez, quen soubo abrir as xenerosas portas de Castrelos para aquel empregado de banca que, dende o Madrid dos días previos á morte do ditador, facía chegar ao limitado lectorado galego dese tempo os seus anovadores relatos. Os inmortáis apareceu inserido na emblemática colección O Moucho, serie de reducidas dimensións que apenas se deu para compilar por xunto tres contos do autor: “A fouce de ouro”, “O Santo Grial” e “A Arca da Alianza”. Todos tres tiñan como protagonista último o Tempo. Cronos como dimensión do vivir humano e do sentido da nosa existencia en loita coa finitude, nunha arela perpetua de transcender esta e de fabular cunha devecida Eternidade. “A fouce de ouro” reescribe a historia de Merlín, nunha liña con tradición propia nas nosas letras, pero que aquí, lonxe da escrita de apropiación artúrica dun Cabanillas ou da revisitación alegórica dun Ferrín, se move máis ben no terreo da reconstrución lendaria ou da crónica metaliteraria entremesturada co elemento fantástico. Un relato, por certo, tan borgeano coma cunqueiriano, como por outra banda pode dicirse tamén das outras historias deste libro. “O Santo Grial” é todo el unha particularísima relectura do mito do xudeu errante, e foi publicado, convén recordalo, anos antes de que Casares inmortalizase o personaxe para a nosa literatura na figura do Xacobe de Os escuros soños de Clío. Por remate, “A Arca da Alianza” amosa a destreza de Taibo para o conto fantástico, conseguindo recrear unha atmosfera intensamente agónica ao relatar a vida dun individuo que posúe a sobrenatural virtude de poder viaxar atrás no Tempo para, así, volver revivir situacións e modificar ao seu antollo as circunstancias que, grazas aos seus desprazamentos cronolóxicos dende o presente, sabe van acontecer. Unha narración, xa que logo, que ben podería catalogarse como ciencia ficción, e, polo mesmo, entenderse como pioneira dun subxénero que cobraría entidade maior con textos posteriores de Lois Diéguez e Lois Fernández Marcos, entre outros. Desafortunadamente, hoxe non é posible facerse con este Os inmortáis nas nosas librerías, agás que se rebusque nas de vello, claro está. Pero hai bibliotecas abondas no país que contan con algún exemplar e, quen sabe, talvez algún día un editor afouto convide o autor a recuperar estas páxinas que, trinta e tantos anos máis tarde, seguen resultando unha lectura estimulante.
Nacho Taibo
Descargar Tarifas