PUBLICIDADE
Xoves, 28 de agosto de 2008
Presentación en Compostela de 'Outra Galiza'
Suso de Toro: 'Este é un libro militante'

Redacción .  O autor presentou en Compostela o seu último libro de ensaio, 'Outra Galiza', que recolle cinco anos de artigos publicados basicament en A Nosa Terra e El País, dende o 2003 até hoxe, incidindo especialmente no cambio político e todo o que carrexou. Acompañouno o editor de Xerais, Manuel Bragado.

Reloxo 30.06.2008 | 13:38

Suso de Toro e Manuel Bragado na presentación de 'Outra Galiza' Suso de Toro e Manuel Bragado na presentación de 'Outra Galiza'. L.R. Suso de Toro presentou esta mañá, no Club Internacional de Prensa, en Compostela, o seu último libro, Outra Galiza, publicado na colección "Crónica" de Xerais. Acompañouno o editor Manuel Bragado, quen sinalou que este volume completa a triloxía iniciada, na mesma colección, por Españois todos: as cartas sobre a mesa (2004), e Outra idea de España: mar de fondo (2005). "Suso de Toro razoa criticamente. Non estamos ante o libro dun inxenuo, senón que proporciona razóns para a esperanza", apuntou Bragado. "Ten a convicción da necesidade de implicación do escritor, dende a súa civilidade, e a súa é unha escrita de pensamento".

Pola súa parte, De Toro advertiu de que se trata dun libro "de autor, pero tamén de editor": Outra Galiza recolle cinco anos da historia recente de Galiza, dende o primeiro artigo, publicado en xullo do 2003, até o último, que saíu recentemente. Trátanse de cinco anos determinantes, en que se viviu un cambio político "cunha dimensión moi forte": o libro está estruturado, de feito, no "antes" e o "despois". "Nos artigos publicados antes do cambio, en A Nosa Terra, víase unha vontade de cambio, que mesmo chegaba á exasperación. Nos posteriores, aínda que se recolle a alegría da sociedade, faise unha interpretación do que pasou, do que quedou, e a interpretación realista é que se apartou un poder político que parecía perpetuo, un destino, os donos do país. Por unha parte, a insatisfacción: a xestión gañou en transparencia, pero continúan as políticas clientelistas, mais experimentouse que o poder político pode cambiar".

O autor citou a Valentín Paz Andrade e a un seu prólogo, "Galicia como tarea", e recordouse "adolescente que quería ser escritor, e facer unha obra literaria na lingua do meu país, pero tamén adolescente militante". E este, segundo De Toro, é un libro militante, "de alguén que non ten unha filiación política neste momento, pero si constancia para implicarse no que pasa no seu país e no seu tempo". E aborda unha posición nada vitimista: "cómpre unha crítica a esa actitude tan nosa de autocompadecérmonos: houbo unha historia de opresión, de espolio, pero hoxe temos os recursos e a responsabilidade para decidirmos sobre o noso futuro. Xa pertencemos ao mundo da fartura". Pensar en Galiza como "suxeito político" capaz de decidir, con presenza en Europa e nunha España federal, é a achega fundamental das reflexións de De Toro.

Falou tamén, respondendo a unha pregunta, sobre a situación lingüística a nivel estatal, despois de ser asinado por vinte persoas un manifesto a prol da marxinación das linguas diferentes do castelán. "Ese manifesto recolle a bandeira da estrema dereita, nunha manobra oportunista". Pero as sociedades xa non son homoxéneas, senón lingüisticamente complexas: "cómpre garantir o dereito dos galegofalantes, que non temos dereito a usar a nosa lingua no noso propio país. Pero tampouco esquecer que a sociedade galega actual non é a dos nosos pais ou a dos nosos avós: o castelán é unha realidade, e temos que buscar o equilibrio, buscar o xeito de organizar esa contradición".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil