Redacción . O mes de xullo arrinca no CGAI cun ciclo dedicado ao autor maliano, e seguirá con Miguel Gomes ou Alberte Pagán, entre outros. Logo do descanso estival en agosto, a actividade do Centro Galego das Artes da Imaxe regresa en setembro.
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Granada Cines del Sur, IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca Española e Filmoteca de Andalucía, o CGAI abre o mes cunha achega a Souleymane Cissé (Bamako, 1940), activista cultural, fotógrafo e proxeccionista antes de marchar ao Instituto Estatal de Cinematografía de Moscova, onde viviu sete anos e gravou as primeiras curtas con Djibril Kouyaté e Kalifa Dienta. "Rapace (2006) foi o único filme no que traballei sen ser realizador, monteino con João Nicolau, que xa participara como montador ou actor en filmes meus", explica Gomes. "Escollín Quando Troveja (1999) para dialogar con A Cara que Mereces (2004) (o seu realizador, Manuel Mozos, escribiu comigo o argumento d'A Cara, onde interpreta o personaxe de Harry). E escollín Nós por Cá Todos Bem (1977) de Fernando Lopes, un dos fundadores do cinema novo portugués para dialogar con Aquele Querido Mês de Agosto (2008)". "Intentei optar por filmes menos coñecidos e por iso as ausencias de filmes de Manoel de Oliveira e Pedro Costa, mais non conseguín deixar fóra a Joâo César Monteiro e Recordações da Casa Amarela (1999), un dos filmes claves da miña cinefilia. O barroco O Bobo (1967, José Álvaro Morais) é precisamente unha das máis descoñecidas óperas primas de todo o cinema portugués. Jardim (2007) é o primeiro filme dun realizador máis novo ca min (João Vladimiro), un singularísimo e extravagante "documental" sobre o xardín Calouste Gulbenkien onde a cámara toma por momentos o lugar dos cágados e patos que flotan no lago". Revisaranse as dúas longametraxes dirixidas por Claudia Llosa (Lima, 1976): La teta asustada (2009), triunfadora no Festival de Berlín deste ano, e Madeinusa (2006), mentres se completan tamén as filmografías de Jia Zhang-ke (Er shi cheng ji / 24 city, 2008) e Abbas Kiarostami (Shirin, 2008), obxecto de retrospectivas no seu día. Por outra banda, a sección After Hours, en colaboración coa I Mostra de Videoclips Cidade da Coruña "Vídeo Killed the Radio Star", recupera unha selección de traballos pertencentes ao programa da TVG "Xabarín Club". Isto únese aos coloquios e proxeccións de videoclips galegos que a mostra realizará nas tardes da semana do 29 de xuño ao 3 de xullo, entre outros espazos, nas propias dependencias do CGAI.
'Yeelen', de Soulemayne Cissé
Regresa a Mali en 1970, onde realiza documentais para o Servizo Cinematográfico do Ministerio de Información. O seu primeiro traballo persoal é Cinq jours d´une vie / Cinco días dunha vida (1972), mediametraxe centrada na historia dun estudante novo, insatisfeito polo ensino que recibe na escola coránica, que decide saír adiante por medio do roubo. Mais son Den Muso / A moza (1975) e Baara / Traballo (1978) as súas auténticas cartas de presentación, diáfanos expoñentes das formulacións abertamente marxistas de Cissé, abordando feitos criminais en ámbitos obreiros.
O recoñemento internacional chégalle con Finyé / O vento (1982), unha historia de amores contrariados desdobrada en vigorosa crítica á autoridade paterna e á represión política co trasfondo das revoltas estudantís na Universidade de Bamako. Con Yeelen / A luz (1987), galardoada en Cannes, obtén os parabéns da crítica occidental coa consideración de punto de inflexión no seu traballo, e en Waati / O tempo (1995), volve á crónica sociopolítica a través dunha rapaza surafricana que foxe do apartheid. Logo de fundar a Unión de Creadores e Empresarios do Cine e do Audiovisual de África do Oeste (UCEACO), presentou por fin o seu novo e esperado filme, Min yé, no último Festival de Cannes. Ás proxeccións da súa filmografía completa, súmase o documental de Rithy Panh Cinéma, de notre temps: Souleymane Cissé (Francia, 1990).
Carta branca a Miguel Gomes
Por outra parte, proxectarase unha retrospectiva do cineasta Miguel Gomes (Lisboa, 1972), unha traxectoria de dúas longas e seis curtas avalada este ano polo éxito crítico e o premio no BAFICI de Bos Aires por Aquele querido mês de agosto. Amais, o CGAI concedeulle carta blanca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine.
Tamén se proxectarán, do propio Gomes, Entretanto (1999), 31 (2001), Pro evolution soccer one minute dance after a golden goal in the master league (2004), Inventário de Natal (2000), Kalkitos (2002), e Cântico das criaturas (2006).
Cortés, Llosa e Pagán en Fóra de serie
Esta sección achega filmes en estrea, ou acabados de estrear, coma El brau blau / O touro azul, de Daniel V. Vilamediana (2008), ou Tanyaradzwa (2009), estreada por Alberte Pagán o pasado 24 de xuño no Cineclube de Compostela. Tamén poderemos ver Corazón del Tiempo (Alberto Cortés, 2008), unha achega á situación sociopolítica histórica orixinada en Chiapas (México) a través da historia de amor entre Sonia, residente nun poboado zapatista na selva Lacandona e dous homes de universos diferentes.
Tamén será homenaxeado, nesta sección, José Luis Sánchez Vázquez, no seu cabodano (morreu o 24 de xullo do 2008, con 64 anos) activista cultural, cineclubista e cinéfilo. "Nunca se dedicou profesionalmente ao cine, mais José Luis, á maneira francesa, sintetizaba a concepción do amateur, alguén que fusiona ese dobre sentido de afeccionado e amante", din dende o CGAI, que seleccionou "un dos títulos que a José Luis lle eran máis gratos, La grande bouffe / A gran comilona (1973) de Marco Ferreri, ao que axudou con entusiasmo á súa difusión". A proxección completarase cunha mesa redonda con varios críticos cinematográficos que o coñeceron e comezaron o seu labor, coma el, na comarca de Ferrol.
Descargar Tarifas