
Moitas novas ocupaban as páxinas dos xornais o pasado luns. Algunhas da man do nacionalismo de grande importancia para a política galega, outras referentes á situación económica mundial e a proposta alemás da fin de semana ao respecto e como todos os luns un número moi considerábel tiñan por referente os encontros deportivos da fin de semana.
Raras son as ocasións nas que reviso con atención as páxinas de deportes, mais esta vez buscaba unha noticia en concreto. Logo de pasar as páxinas de varios xornais e non atopar nada decidín pararme cun pouco de vagar nun par deles. Como era posíbel que en 18 fotos da sección de deportes non aparecera unha soa muller deportista, non habería competicións, pasaría algo? –xa había algún tempo que non levaba a cabo este exercicio tan desacougante de buscar as diferenzas de presenza entre as e os protagonistas e déuseme por revisar o resto do xornal e de 21 noticias con foto só unha muller protagonista.
Sabía que era case imposíbel que a anhelada noticia aparecese con foto mais resistíame a crer que non estaba. Así que facendo un exercicio de hermenéutica que nunca practico en tal sección xornalística busquei entre as elongacións nos isquiotibiais dalgún xogador, as datas de descanso doutros, as estatísticas dos diferentes partidos nas últimas décadas. Até mirei que ocorrera na liga inglesa na que, por certo, xogou o Liverpool contra o Manchester City, e nada. Pode que estivese cos outros deportes como o baloncesto, tríatlon, motociclismo, automobilismo ou xadrez. Non, tampouco estaba nas páxinas que se lle reservaban aos minoritarios.
Conclusión: o fútbol feminino non existe. Aínda que sexa a primeira vez que participamos nun mundial como selección galega, o fútbol feminino non existe. Aínda que cheguemos á final e sexamos subcampioas do mundo, o fútbol feminino non existe. Aínda que durante toda unha semana as nosas rapazas deixaran en Reus ilusión, esforzo, soños, medos e todo o que leva consigo a práctica do deporte, o fútbol feminino non existe. Porén, sabemos que existe... creo, porque as vin nos seus dous primeiros partidos, porque a directora xeral para o Deporte estivo con elas na final. O fútbol feminino debe existir, pero no mundo do invisíbel.
Nota: non se seguiu ningún tipo de método científico na análise das noticias, por decisión da autora foron desbotadas as páxinas de anuncios de contactos por entender que os corpos espidos de mulleres coa cara tapada en tal sección non computan como protagonistas.