PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Bush visita Xerusalén entre protestas palestinas
Sesenta aniversario da creación de Israel

César Lorenzo Gil O 15 de maio do 1948 creouse o Estado de Israel. Os palestinos consideran a data como o inicio dunha enorme desgraza. Os israelís celebran o 60º aniversario con grandes fastos, o meirande deles a visita de George Bush a Xerusalén.

Reloxo 15.05.2008 | 07:25

O presidente dos EE UU, George Bush (esquerda), saúda o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert O presidente dos EE UU, George Bush (esquerda), saúda o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert. Larry Downing/REUTERS Os palestinos prefiren non facer ningunha clase de festa o 15 de maio. Ese día iniciouse o que eles consideran o ronsel das súas desgrazas (a deportación masiva das terras que habitaron durante séculos baixo dominio otomano e británico entre outros). "É aí onde comezou a agresión ao pobo palestino, non no 1967", explica o historiador Miguel-Anxo Murado. "Os grandes abusos sobre os palestinos son contemporáneos ás grandes esperanzas do Estado de Israel".
É por iso que a comunidade palestina pasará o día de hoxe en silencio, de loito. Está previsto que a cidade de Xerusalén amenza co ceo ennegrecido polos milleiros de globos desa cor que se van lanzar para que non se esqueza o día da Nabka. O día rematará con dous minutos de silencio só violado polo son das sirenas, un costume que os israelís tamén teñen para comemorar as vítimas do holocausto nazi.

A visita de Bush

No lado israelí, a festa complétase coa visita do presidente dos EE UU, George Bush, que está en Israel desde o martes e hoxe visitará Xerusalén. O primeiro ministro hebreo, Ehud Olmert, agradeceu a visita do seu homólogo norteamericano. "A súa presenza entre nós fortalece as nosas ansias de paz", explicou. Para o primeiro ministro palestino, Salam Fayyad, "as celebracións son excesivas e un tanto irresponsábeis entrementres non se consegue a paz".
A visita de Bush ten maior interese se temos en conta que afirmou en repetidas ocasións que quere "verificar que se encarreira" un proceso de paz entre palestinos e israelís antes de que remate o seu mandato, en xaneiro do 2009.
Nin sequera os máis optimistas dos seus colaboradores consideran posíbel nin sequera que ambas as partes asinen algún tipo de documento marco para pór en marcha a paz. Con certeza, tanto Olmert como o presidente palestino, Mahmud Abbas, queren sentar e chegar a acordos pero as posturas están tan lonxe que polo momento só foi factíbel unha negociación practicamente secreta entre políticos de ambos os bandos.
Ademais, Gaza segue gobernada polo último gañador das eleccións palestinas, Hamas, contrario a calquera tipo de negociación con Tel Aviv.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil