Case todos os que viviran algún tempo nesa cidade que os etnosofisticados chaman Compostela e o vulgo, Santiago, coincidirán en que ten algo de fantasmagórico, que alí medra unha realidade que non se parece nada á realidade.
A tradición do engano colectivo xa vén do seu nacemento, pero foi mutando cos tempos. Esta semana todos os que vaian a Santiago celebrarán dalgunha maneira a lenda e darán por bo o mito do campo da estrela aínda que crean reunirse para asuntos distintos. Na ofrenda do apóstolo, no día de Galicia, na manifestación da patria, no congreso do PSdeG, na reunión de Galeuscat, latexa a mesma pulsión, a vontade de ignorar a fenda entre a realidade e o desexo. Pode estar ben para un día de exaltación, pero vivir así todo o ano xa é máis grave.
A culpa non hai que botárllela aos picheleiros, senón aos que vimos á festa. Como centro de formación de boa parte das elites galaicas, Compostela converteuse para as clases semiociosas no lugar no que soñar un país que nunca acaba de ser. A cidade na que recuperar a lingua, amañar o país nos bares, gozar dunha variada oferta lúdico-festivo-cultural a prezos populares, practicar a endogamia en todas as súas variantes e facer uso do manifestódromo. Para a maioría desa minoría Santiago é un virus que dura o que unha licenciatura. Despois dos cinco anos toca volver ao mundo real, a estrañar aquelas ensoñacións, a testalas coa vida cotiá, a esquecelas ou a reformulalas. Pero outros quedaron a vivir no soño, e xa non o distinguen da vixilia. Porque nese mundo paralelo estase ao quente. É confortable e confortante, aínda que sexa mentira.
A capital da autonomía funciona como Matrix. É unha simulación, unha realidade virtual que lles fai perder aos que viven nela a capacidade de reparar na súa inexistencia. E esa ilusión colectiva ten consecuencias terribles cando se dá no centro do poder político e simbólico. A burbulla compostelá ten menos risco de estoupar cá inmobiliaria, pero ben lle cumpriría. Santiagueses todos, pílula vermella ou pílula azul?
Descargar Tarifas