Manuel Vilas . A ministra de Administracións Públicas, Helena Salgado, evitou esta mañá fixar prazos concretos para a maioría das transferencias pactadas entre José Luis Rodríguez Zapatero e o BNG ao final da pasada lexislatura. Unicamente, o traspaso do Parque das Illas Atlánticas e do Hospital Militar de Ferrol figuran nas prioridades de Madrid.
Reunión de helena Salgado co presidente Touriño e o vicepresidente Quintana.
1 / 2
Así quedou claro tras unha xuntanza que mantiveron esta mañá Salgado, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e o Vicepresidente, Anxo Quintana, no Pazo de Raxoi de Santiago. Preguntada pola prensa sobre a transferencia máis relevante das comprometidas, a de Tráfico, a ministra dixo que “non é un proceso simple”.
“Deberá discutirse no Parlamento da Nación”
“Neste momento hai unha iniciativa do Parlamento de Galicia que deberá discutirse, se é admitida a trámite, no Parlamento da Nación. Isto levará un tempo de debate cos ministerios implicados” argumentou a política para evitar fixar un prazo.
A día de hoxe no “primeiro bloque” só é seguro que figuren os traspasos do Hospital Militar de Ferrol –“que xa está listo” segundo a ministra– e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Salgado e Touriño adiantaron que a Comisión para concretalos reunirase “antes do verán”, previsiblemente no mes de xuño. Con todo, a ministra apuntou a posibilidade de incorporar “algún tema máis” á xuntanza.
“Antes de final de ano”
No segundo semestre deste ano haberá outra xuntanza. Nin a ministra nin Touriño concretaron que asuntos figurarán neste segundo paquete. Con todo, Salgado asegurou que, –salvando “detalles económicos e cuestións de xestión”– “todo o previsto debera estar listo antes de final de ano”.
Touriño destacou a rápida visita de Salgado e cualificou de “moi importantes” as dúas transferencias de xuño. Anxo Quintana non fixo declaracións tras a xuntanza e fontes oficiais da Vicepresidencia indican que, polo de momento, o líder do Bloque non vai facer valoracións.
Non máis transferencias sobre a mesa
Outro dos asuntos abordados esta mañá foi a reforma da Comsión de Transferencias, unha demanda dos nacionalistas. Salgado indicou que ela e Touriño prefiren centrarse na axenda pactada con Zapatero este ano antes de abrir novos debates.
O presidente da Xunta insistiu en que “hai unha axenda marcada entre as partes” e botoulles as culpas ao PP por impedir a reforma do Estatuto, o que permitiría ampliar o número de traspasos.