Redacción . A empresa catalá APC Systems lanza hoxe ao mercado as primeiras unidades do casco con airbag. Este sistema, que integra o airbag na parte traseira do casco e se desprega aos 0,15 segundos de detectar o accidente, supón un importante avance na seguridade pasiva dos motoristas xa que reduce o risco de sufrir lesións cervicais e dorsais en caso de accidente.
Catro anos de investigacións e 1,5 millóns de euros foi o investimento que a empresa APC Systems investiu na creación desta patente que aspira a converterse nun salvavidas para motoristas de todo o mundo. O casco con airbag, presentado a semana pasada no Salón da Moto MotOh! de Barcelona sae hoxe á venda coa intención de ser unha importante ferramenta de seguridade pasiva de motoristas. Segundo os datos que manexa a empresa, o casco con airbag podería actuar de maneira potencial no 70 por cento dos accidentes de motocicleta e ciclomotor, que no caso do Estado español podería ser útil en máis de 10.000 accidentes ao ano. O dispositivo protexe a zona cervical, estabiliza o pescozo no primeiro impacto e protexe a parte superior do lombo contra os golpes que se poidan producir nos posíbeis impactos posteriores. O seu uso diminúe o risco de sufrir lesións derivadas de situacións de hiperflexión e hiperextensión cervical e evita paraplexías e tetraplexías. O sistema APC consiste nunha bolsa que, no caso de que uns sensores situados na moto detecten un movemento brusco do piloto, desprégase pola zona das cervicais até a metade do lombo en 0,15 segundos. A maiores o dispositivo conta cunha centraliña de detección que se coloca na motocicleta e un sistema de recepción do sinal por radiofrecuencia e unha batería recargábel parecida á dos móbiles, que é a que detecta o accidente e activa o airbag. Este casco, cun peso similar ao dun casco normal, ten un prezo de saída de 829 euros. Fabrícase en tres cores (negra, gris e branca) e en catro talles.
Un casco de motorista