PUBLICIDADE
Xoves, 28 de agosto de 2008
Rábade e Angueira reivindican a poeta en clave de jazz
Rosalía de Castro para o século XXI

Bocixa/ Raquel Rey Rosalía 21 (Falcatruada'08) é unha revisión en clave de jazz da poesía de Rosalía de Castro. O proxecto parte do espectáculo multimedia ideado polo pianista Abe Rábade e o poeta Anxo Angueira no que tamén participa Guadi Galego. Unha ollada renovada a obra e ao pensamento rosaliano.

Reloxo 05.04.2008 | 17:32

Rosalía XXI

Novos aires para a música e para a literatura galegas. Xa está a venda Rosalía 21, o novo disco de Abe Rábade Quartet, que sae a luz da man da discográfica Falcatruada. O traballo, que propón a través de 11 temas unha nova ollada á obra e ao pensamento rosaliano, é en realidade un dos tres piares sobre os que se asenta un proxecto multidisciplinar máis ambicioso, que ten por obxectivo romper estereotipos que aínda perviven ao redor da autora. 
 
Rosalía 21 nace como espectáculo multimedia, co patrocinio da Consellaría de Cultura, para levar e presentar na Feira do Libro da Habana a unha das escritoras nacionais por excelencia. Pero o que inicialmente se concibiu como unha iniciativa institucional, agora se presenta como un animal que colleu vida de seu e se expresa ademais en forma de disco e de libro de estudos críticos. Neste último apartado participan autores como Xosé Luís Méndez Ferrín, que reflexiona sobre a faceta máis política da autora, Xabier Cordal, que fala do mundo popular en Rosalía, e María do Cebreiro que aborda a relación da poeta con Compostela e coa metáfora da Negra sombra.
 
Anxo Angueira é o director literario do proxecto. Ao seu ver, as ideas de que Rosalía era unha chorona ou unha mártir “desactivaron a súa poesía”. “Para min é unha poeta chea de pensamento crítico, rebelde e revolucionaria, feminista e socialmente comprometida”, sinala. Destaca ademais o seu carácter nacionalista “a pesar de que na época non houbese soporte teórico para as súas ideas”. Versos como “pobre Galicia, non debes chamarte española”, son, segundo Angueira, “rotundos”.
 
Para a escolma dos textos que forman parte tanto do espectáculo, que aínda non se estreou en Galiza, como do disco, Angueira seleccionou poemas de Cantares Gallegos e de Follas Novas. A selección inclúe ademais un poema de Pimentel e o prólogo de Cantares Gallegos, que Angueira concibe como “unha declaración de independencia literaria”. O escritor resalta ademais a capacidade de Rosalía “para disfrazarse de autora costumista e folclórica como unha trincheira á que disparar todo o seu pensamento”.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil