O incendio das palabras é o seu primeiro libro en catro anos.
E iso que anunciara que aumentaría o meu ritmo de publicación. En realidade, o que fixen foi acumular máis material. Escribo moito pero concibo a literatura dun xeito que vai máis alá da redacción. Gústame que os poemas teñan o seu sosego, se osixenen co tempo, amadurezan e sigan expresando meses despois de seren escritos aquilo que eu quería expresar, unha vez eliminado o estado anímico de euforia que sempre me acompaña cando acabo a primeira versión dun poema. O máis importante para min é transmitirlle ao lector unha mensaxe poética persoal que ten que entender, sexan cales foren as súas circunstancias.
É máis difícil, entón, escoller e corrixir ca escribir?
Coido que o importante da creación poética é encontrar o ton axeitado para un libro, a coherencia entre todos os poemas. Nos procesos creativos comezo cun groso volume de textos que vai adelgazando, que se vai transformando noutra cousa. Reciclo moito material, descarto e modifico na busca dunha expresión que conmova e teña beleza. O que publico é a punta do iceberg de todo o que teño escrito.
Cal é o ton que etiqueta O incendio das palabras?
Encontreino unha vez iniciado o libro. Este poemario é unha pescuda do sentimento de felicidade e entusiasmo da miña infancia e primeira adolescencia. En canto á técnica, decateime de que o surrealismo era a mellor maneira de interpretar as miñas lembranzas, que desembocaban no delirio, no soño. Isto emparenta o libro co meu primeiro poemario, Retrato de sombra en Outono (1981). Eliminei varios poemas da versión final porque non encaixaban coa atmosfera ou eran realistas de máis.
Non hai un tópico literario que di que os felices non escriben?
Pois eu nesta obra conto unha historia feliz, a da miña vida de neno e mozo. É certo que cando eu era ben pequeno morreu meu pai pero non cheguei nunca a asimilalo e non marcou os meus intres de gozo. Neste libro todo ocorre no verán, a estación desa brancura, desa luz que me provocaba a felicidade: desde o mar ás verbenas nas diferentes parroquias de Carballeda de Avia. Eu, en efecto, non penso que haxa que estar triste para escribir pero recoñezo que a nostalxia nutre as mellores páxinas da literatura. A perda é inútil na vida pero imprescindíbel na experiencia literaria.
A súa memoria recorda as cousas positivas porque arestora vostede está feliz?
É certo que neste caso síntome ben e por contaxio renacen en min esas lembranzas. Pero a memoria ten diversos camiños. Neste libro falo por primeira vez de moitas cousas, do espertar do amor pero tamén do espertar da miña militancia política, por exemplo. Curiosamente, a literatura galega ten esas dúas lagoas: o amor, con todas as súas facetas, e a tensión da Transición. Daqueles anos nos que o franquismo reaccionou á agonía cunha represión brutal.
Os seus dous últimos libros gañaron senllos premios.
Hai quen me critica por cobizoso pero a principal razón para me presentar aos certames poéticos é que así garanto a publicación do texto rapidamente. Hoxe en día, publicar un libro de poesía pode demorar entre dous e tres anos. Se eu conservo o manuscrito tanto tempo comigo, querería facerlle cambios constantemente e non publicaría nunca. Deste xeito, o libro independízase do seu creador. E iso é para min unha liberación. Debe ser que vou vello pero cada vez cústame máis acometer o esforzo de construír un texto literario. Hai moitas horas de traballo detrás. E non son remuneradas. Se quixese diñeiro, escribiría en prosa.
Que satisfacción dá publicar poesía?
Eu son dos que lles gustaría que me lembrasen por pequenas pezas mestras, poemas perfectos que comuniquen o mellor posíbel as miñas sensacións.
Foi moi crítico coa súa xeración, a dos 80, porque se illara da sociedade. Todo iso cambiou tras o naufraxio do Prestige?
Aquel suceso e todo o que supuxo provocou un cambio radical nas actitudes dos poetas. De repente tivemos a necesidade de comunicarnos, de achegarnos e seducir o lector. Aínda así, penso que faltan recitais de poesía. Debería haber lírica en cada asociación de veciños. Que a sociedade sentase ao carón dos poetas. Gústanme as propostas que lles engaden adubíos (técnicas teatrais, audiovisuais...) aos seus textos. E iso que eu prefiro que o texto se defenda só, que se cree esa maxia tan complexa de comuñón con quen escoita só cos vimbios das palabras.
Hoxe en día aparecen menos novas voces poéticas en Galiza que nas décadas do 1980 e 1990.
As letras móvense por ciclos. A lírica vive no acougo tras 20 anos de vangarda e diverxencias pero a narrativa ferve. Hai unha excelente fornada de autores e, sobre todo, autoras, que escriben con moitísima calidade.
Vostede escribiu só unha novela, O crime da rúa da Moeda Vella. Nunca voltará á prosa?
Querer, quería. Algunha cousa hai adiantada pero a narrativa esixe moita dedicación continua. A poesía axéitase mellor á vida corrida que levo. Pero entendo que a novela achega moito o autor aos lectores e iso gústame. Eu quero que me lean. Cando un escribe en prosa, o complicado é facer sinxelo o texto, sen caer no simple. Castelao é exemplo de que ser accesíbel precisa moito tempo e esforzo. Non entendo quen lle ve dificultade a escribir 300 páxinas que só entende o autor. Escribir difícil é o máis doado.