PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
O ex céltico de Israel podería estar ameazado pola mafia
Revivo 'exíliase' nos EE UU

Redacción .  Lembran aquel espelido extremo esquerdo do Celta que se chamaba Revivo? Foi unha das estrelas do retorno dos galegos á Copa da Uefa e hoxe vive nos EE UU, tras abandonar Israel por supostas leas coa mafia.

Reloxo 23.09.2008 | 10:05

Haim Revivo (esquerda) no aeroporto de Tel Aviv Haim Revivo (esquerda) no aeroporto de Tel Aviv

Haim Michael Revivo está considerado aínda hoxe, catro anos despois de retirarse, como un dos máis grandes xogadores da historia de Israel. Futbolista nun país de heroes de guerra, labrou unha enorme fama grazas aos seus éxitos no exterior. Agora vive tempos difíciles. Adicado aos seus negocios particulares, que compartía a presidencia co club de fútbol da súa cidade natal (o Ashdod), este verán decidiu "exiliarse" nos EE UU.

O propio ex xogador dixo que o seu traslado a Nova York é "temporal" e que ten que ver cunha decisión "relixiosa, por consello do seu rabino". Hai que lembrar que a comunidade xudía dos EE UU é máis numerosa incluso que a que vive no propio Israel.

Mais os xornais israelís apuntaron a outros motivos. O xornal Iediot Ahronoth destapou unha suposta trama criminal na que Revivo estaría implicado por mor de negocios coas mafias locais.

Seguindo a investigación xornalística, parece ser que Revivo tiña unha débeda pendente cun comerciante relacionado coa familia criminosa dos Abergil. O clan reclamou do agora empresario o pagamento inmediato desa débeda que o ex futbolista negou.

Como tamén na mafia hai normas, decretouse unha arbitraxe imparcial. O xuíz, Shalom Domrani, considerado pola policía israelí un dos capos mafiosos máis importantes do país, cuxa base está na cidade de Ashkelon.

A decisión de Domrani foi condenar a Revivo ao pagamento dunha gran cantidade de diñeiro. Mais os Abergil non aceptaron o veredito e ameazaron o presidente do Ashdod coa morte.

Para evitar maiores problemas, Domrani revisou a "sentenza" e obrigou a Revivo a "exiliarse" polo menos dous anos nos EE UU.

Outras fontes aseguran que Revivo non tiña cos Abergil un problema de cartos senón de saias. Aínda que non se deron datos, o antigo dianteiro podería ter mantido unha relación sexual con algunha das mulleres da familia Abergil.

O Caso Revivo levou ás páxinas da prensa nomes do mundo do crime que poucas veces aparecen publicados. Os Abergil son unha familia de poderosos mafiosos con amplio historial no recente Estado israelí. Mais quen chama a atención da policía é Shalom Domrani. O mafioso, de 33 anos, é sumamente ambicioso e pretende iniciar unha guerra aberta contra Izik Abergil, arestora considerado o xefe supremo do seu clan.

Fichado por un vídeo

Os difíciles momentos do presente de Revivo contrastan coa súa pasada historia de gloria. O israelí chegou con 24 anos ao Celta de Vigo. Foi un "capricho" do entón director deportivo do club, Félix Carnero, que o fichou rapidamente só despois de verlle un vídeo.

En Galiza, o extremo esquerdo luciu naquel primeiro Celta de Víctor Fernández que fixo o mellor xogo de Europa na tempada 98-99. Os celtistas aínda lembran a súa actuación en Birmingham fronte ao Aston Villa.

Logo perdeu brillo e marchou a Turquía recuperar a gloria. Alí en Istambul, amparado polo colectivo xudeu na cidade e xa máis perto de Israel, logrou algo impensábel, ser idolatrado polas afeccións rivais do Fenerbahçe e do Galatasaray.

Como directivo futbolístico, a súa xogada máis exótica foi conseguir a cesión para o Ashdod do vasco Javi González, con quen coincidira no Celta no tempo de Jabo Irureta. González non conseguiu revitalizar a súa depauperada carreira con aquel estraño movemento.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río