Redacción . O Comité das Rexións da Unión Europea aprobou un ditame de fomento do multilingüísmo no que finalmente se recollen as emendas presentadas pola Xunta, entre outras institucións, para que se recoñeza a realidade de países nos que conviven varias linguas oficiais, como acontece en España co galego, o catalán e o vasco.
Así mesmo, o ditame recolle tamén a pretensión de que non se equipare o concepto lingua de orixe ao de lingua oficial do Estado, xa que territorios como Galicia contan con dúas linguas oficiais. Así, o Comité das Rexións engadiu ao obxectivo 1 +2 (aprender dúas linguas ademais da oficial) a posibilidade de 2 +2 naquelas rexións que contan con dúas linguas oficiais, como acontece en Galicia. Precisamente, o texto aprobado hoxe propón "as necesarias iniciativas de sensibilización e motivación da poboación" para o estudio de dúas linguas estranxeiras ao longo da súa vida e recomenda ás rexións que creen un "propio foro local sobre multilingüísmo", segundo explicou a Xunta nun comunicado. Máis linguas no sistema educativo Nesa liña, o Comité das Rexións conclúe que o mundo escolar debe ser animado polas institucións rexionais e nacionais a adoptar unha ampla gama de linguas no paquete educativo, sobre a base das necesidades sociais, económicas, culturais e territoriais.
Sede do Consello de Europa en Bruxelas
O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Xulio Fernández Mato, defendeu hoxe no pleno do órgano europeo as propostas galegas, entre as que se inclúe a oportunidade de que sexan as administracións locais e autonómicas as que desenvolvan as políticas precisas para fomentar o multilingüísmo entre os cidadáns.