Redacción . Os galegos menores de 36 anos e as familias numerosas terán dereito a unha rebaixa do 50 por cento nos tributos autonómicos á hora de mercar unha vivenda. A medida, que non fai distincións de renda pero estabelece límites patrimoniais, aplicarase a partir do 1 de xullo de 2009.
O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, en rolda de prensa.
O Goberno galego aprobou este xoves o anteproxecto de lei que reduce nun 50 por cento os tributos autonómicos -imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados- para os menores de 36 anos e as familias numerosas que merquen unha vivenda a partir do 1 de xullo de 2009. Segundo o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, máis de 600.000 galegos poderán beneficiarse desta medida que non fai ningún tipo de distinción de renda pero estabelece límites patrimoniais. A norma, que debe tramitar o Parlamento, podería aprobarse no mes de outubro, pero incluirá unha disposición transitoria que estenderá os beneficios fiscais ás vivendas compradas desde o día 1 deste mes. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Núñez Feijóo reiterou que a aplicación desta rebaixa será "provisional" para os mozos que, en principio, só poderán beneficiarse da mesma até o ano 2011, aínda que a aplicación da medida podería "prorrogarse" se persiste a crise. A rebaixa será "permanente" no caso das familias numerosas. Segundo explicou o máximo mandatario galego, no caso das transmisións patrimoniais, o tipo de gravame aplicábel ás transmisións de inmóbeis que vaian converterse en vivenda habitual do contribuínte será do 4 por cento fronte ao 7 por cento actual. Por outra banda, no imposto sobre actos xurídicos documentados, na súa modalidade de documentos notariais, o tipo de gravame para as primeiras copias de escrituras que documenten unha adquisición de vivenda habitual baixará do 1 ó 0,75 por cento ao 0,3. Impacto económico “asumíbel” A Consellaría de Facenda estima que esta rebaixa fiscal terá un impacto económico anual de 7 millóns de euros nas arcas públicas. Neste sentido, Feixóo mostrouse convencido de que este custo é "asumíbel" e apuntou tamén que se verá "rebaixado" grazas á "reactivación" do mercado inmobiliario en Galiza, unha das comunidades "que máis gravaba" pola adquisición dunha vivenda. Para rematar, Feixóo subliñou que a aplicación desta rebaixa fiscal permitirá aos colectivos beneficiados "un aforro de 7.000 euros" na adquisición dunha vivenda de 180.000 e resolveu que constitúe "un exemplo de autogoberno responsábel".
Os posíbeis beneficiarios desta rebaixa terán que cumprir uns límites de patrimonio. Así, no caso das familias numerosas a suma de patrimonio de todos os membros non poderá superar os 400.000 euros, máis 50.000 adicionais por cada membro superior ao mínimo para obter devandita consideración.
Para os menores de 36 anos, o límite patrimonial será que a suma de todos os membros da unidade familiar non sexa maior que os 250.000 euros, máis 30.000 adicionais por cada membro da unidade familiar que "exceda do primeiro".
Descargar Tarifas