Redacción . Hoxe e mañá danse cita un total de 15 voces do rap galego e portugués na beira do Douro que este verán será capital cultural do Eixo Atlántico no 2009.
O festival EixoRap estoura hoxe en Vila Nova de Gaia, organizado polos rapeiros vigueses El Puto Coke, Kaixo Sama, e a produtora Gold Artist´s, que afirman que o obxectivo é "xuntar esforzos e proxectos musicais entendendo que a música, como elemento cultural, dinamizador e vivo, ten a facultade de ofrecer (elementos) intanxíbeis como a solidariedade, o compromiso e o desenvolvemento persoal dos mozos e as mozas". Os concertos comezarán os dous días, 3 e 4 de xullo, ás 18h na Alameda do Senhor da Pedra, e a entrada será gratuíta: o venres actuarán os galegos Pániko en las Calles, Dr. Valda, Seilaesencia e El Puto Coke, e os portugueses Dr. Nelsassin, Syzgy e Dealema; e o sábado, actúan os lusos Recarga, e Mind Da Gap, e, dende Galiza, Drumdrama, Rack Etern, Kaixo Sama Vs LCesar e Wöyza, amais do proxecto galego-portugués Imperio Norte.
Parte do cartel do EixoRap
Descargar Tarifas