PUBLICIDADE
Martes, 13 de maio de 2008
O PP DESTACA AS DIFERENZAS NO BIPARTITO
Quintana: 'Falar de ti a ti con Madrid é irrenunciábel'

Europa Press O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, di que a súa proposta de reforma da comisión bilateral co Goberno central faina en nome de todo o Executivo, algo que Touriño nega. Anxo Quintana advirte de que é unha iniciativa 'lexítima e irrenunciábel' pero o PSdeG nin asiste a reunión para negociala.

 09.05.2008 | 11:01

Reunión sobre financiamento autonómico entre BNG e PPdeG
Reunión sobre financiamento autonómico entre BNG e PPdeG. AGN
Quintana afirmou que, malia as polémicas, “aínda non teño escoitado a ningún grupo político dicir que isto non sexa bo para Galiza”. En declaracións aos medios tras unha reunión cos grupos parlamentarios do PPdeG e do BNG á que non asistiu o PSdeG, Quintana recalcou que as competencias en materia de relación co Executivo central lle corresponden ao seu departamento e recordou que el preside a delegación galega do actual órgano de cooperación, na que tamén participan outros membros do Executivo, como os conselleiros de Presidencia e de Economía.

A pesar de que o presidente autonómico, Emilio Pérez Touriño, sinalou hoxe que esa relación bilateral "non forma parte da axenda política trazada nin do camiño" a seguir, o tamén líder do Bloque insistiu en que non existen contradicións entre ambas as dúas posturas , e considerou que esa visión se debe a unha mala interpretación por parte dos medios de comunicación.

Ademais, utilizou o tema do financiamento autonómico para ilustrar que, neste asunto, fala en nome do Executivo. Deste modo, sinalou que é titular de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, o que debe formular a proposta da Xunta e que el a asume como súa, aínda que emita a súa opinión no seo do consello, "nunca fóra" da reunión semanal do Gabinete. "Aí onde estea un membro do Goberno galego está o Goberno galego", resumiu.

No seu intre

En todo caso, avanzou que mantén a súa iniciativa e comentou que a presentará "no seu momento" á ministra de Administraciones Públicas, Helena Salgado, representante do Goberno central na actual comisión e que esta mesma semana xa expresou o seu rexeitamento ás modificacións polas que aposta Quintana.

De feito, dixo "entender" que esta non sexa unha cuestión "prioritaria" para o Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero, polo que asumiu que deberá esperar ao "momento político axeitado". Así, aínda que non precisou cando se sustanciará a súa proposta ironizou con que en Madrid "cambian moi doadamente do non ao si" e viceversa.

Neste sentido, mostrouse convencido de que terá a posibilidade cando se modifiquen as "circunstancias políticas". O líder do BNG aproveitou, hai uns meses, que os votos dos seus dous deputados en Madrid eran necesarios para evitar a petición de cesamento da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, para desbloquear un paquete competencial.

Así mesmo, rexeitou que a iniciativa perda forza ao non estar avalada polo PSdeG, a ausencia do cal hoxe lamentou, aínda que manifestou o seu "respecto" por esta decisión. Nesta liña, asegurou estar aberto ás achegas do seu socio de Goberno, e rexeitou criticar que non asistira o seu voceiro parlamentario, Ismael Rego. Garantiu, ademais, que o Bloque si acudirá á reunión convocada por Fernández Antonio para abordar cos grupos o financiamento autonómico.

Máis enerxía

Tamén remarcou que para acometer a modificación non é necesario nin un acordo parlamentario nin dos gobernos español ou galego, polo que asegurou que a reforma non interferiría nin "perturbaría" as actuais relacións nin os traspasos pendentes.

Neste sentido, recolleu á luva lanzada hoxe por Touriño, que lle invitou a "traballar" para pechar as nove transferencias pendentes, e asegurou aplicará "máis enerxía" nesta cuestión. Con todo, reiterou que insistirá para lograr un relación "de ti a ti" co Executivo central porque, ao seu xuízo, esa é "a esencia do autogoberno".

A este respecto, Quintana retomou as súas palabras de onte e comentou que aínda non escoitou "a ninguén" dicir que iso sexa "malo" para Galicia. Ademais, sinalou que, a petición do Grupo Popular, lle dará unha redacción "máis explicitar" á posibilidade de que a comisión reformada faga un seguimento das infraestruturas.

O PP en contra

No entanto, o voceiro parlamentario do PP, Manuel Ruiz Rivas, expresou ante os medios o seu rexeitamento á proposta global, ao considerar que "non existe Goberno nesta materia". Ademais, posicionouse en contra de que a comisión aborde o financiamento autonómico, porque prevé que, de ser así, será prexudicial para Galicia.

Con todo, agradeceu o "talante" do vicepresidente por escoitar a súa posición e ironizou con que vai coller "complexo de pegamento e medio", xa que, esgrimiu, cando os socios do bipartito manteñen desavinzas, chámano para "arranxar a vaixela". Ademais, lamentou que "non quixeron contar" con eles para elaborar unha proposta conxunta de financiamento autonómico. "E o Goberno non conta co propio Goberno", chanceou.

Pola súa banda, o nacionalista Carlos Aymerich coincidiu con Quintana en que esta é unha proposta do Goberno enteiro e, interrogado pola ausencia do socialista Ismael Rego, invitou os xornalistas a "preguntarllo a el cando apareza".

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil