Xan Carballa . Despois do éxito que supuxo o libro 'As bionvasións na Galiza', escrito con Xosé María Bouzo, o biólogo Xurxo Pérez Pintos (Vigo, 1948) publica, tamén en Edicións A Nosa Terra, 'Historia contemporánea da destrución da natureza', unha análise sobre centrada sobre todo no século XX e os grandes conflitos que transformaron a fasquía natural do país.
Fala de debates medioambientais pechados, pero a necesidade da enerxía nuclear volve sempre como un ritornello. Cal é a súa posición sobre esta cuestión? Avanzou moito a enerxía nuclear e daquela o debate non se producirá do mesmo xeito que nos anos 70/80. Do que se trata é de defender o mix tecnolóxico, é dicir ter unha batería de recursos que non poña todos os ovos no mesmo cesto. Non todo van ser renovábeis, nin petróleo, porque prestar un servizo enerxético é moi complicado. Manter os picos de demanda moitas veces só se consegue coa hidroeléctrica, que abre máis as comportas dos encoros e responde de contado á demanda, pero non pode facerse cunha central de carbón ou de ciclo combinado co gas. A industria nuclear garante un mínimo básico de subministro ao sistema e é moi difícil prescindir dela como auxiliar. Cada un dos elementos dese mix tecnolóxico ten que ter a súa cota. Se se pretende a autosuficiencia, como Francia, a nuclear é clave pero podes primar as novas tecnoloxías de enerxía alternativa porque teñen máis investimento e producen máis dinamización económica. O debate nuclear volverá irremediabelmente, pois entre outras cousas a vida útil das actuais centrais esgótase. Nas próximas semanas o goberno debe tomar unha decisión sobre Garoña, por exemplo, e en anos vindeiros sobre as demais nucleares españolas. A idea de que as centrais nucleares son de dereitas ou de esquerdas paréceme unha parvada. Eu son bastante partidario da enerxía nuclear e non son de dereitas. A súa posición é heterodoxa sobre o ecoloxismo tradicional. Máis ben pragmática. Dentro do mix tecnolóxico é case imprescindíbel unha fracción nuclear. Pero como se di o veleno está na dose. Non é o mesmo en Francia onde a enerxía nuclear está xestionada por entidades estatais moi severas que nunha economía liberalizada que racanea en seguridade para obter máis beneficios. Depende tamén de que tecnoloxía se utilice e como se xestione ou inspeccione a seguridade. O eucalipto é malo ou bon? Depende de como se use e en que cantidade. As posicións de James Lovelock, o da Hipótese Gaia, que é agora un partidario case excesivo da enerxía nuclear, ou a de Patrick Moore un dos fundadores de Greenpeace, amosan que é unha polémica aberta. É claro que hai lobbys que presionan nesta dirección e presentan o nuclear como panacea, que non é o que eu penso, pero si que forma parte da panoplia de recursos enerxéticos a utilizar.
Xurxo Pérez Pintos, biólogo.
Descargar Tarifas