Europa Press . A titular de Facenda, Marta Fernández Currás, e os representantes dos tres grupos parlamentarios reuniranse hoxe na sede da consellaría para abordar o resultado das últimas reunións entre Alberte Núñez Feixóo e os vicepresidentes segundo e terceiro do Goberno sobre o financiamento autonómico. PSdeG e BNG esixen coñecer as cifras concretas coas que está a negociar o presidente da Xunta.
Segundo confirmaron fontes da consellaría, a reunión terá lugar a partir das 12.45 horas e a ela asistirán, ademais da mandataria autonómica, os voceiros dos tres grupos -Manuel Ruíz Rivas (PP), Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Carlos Aymerich (BNG)- acompañados dos responsábeis de Economía -Pedro Puy Fraga, María Xosé Caride e Fernando Blanco-. Será a segunda vez que a Xunta e os grupos se reúnan para abordar este asunto, posto que xa o fixeran o pasado 8 de maio. Entón, a consellaría fixárase o obxectivo de manter a posición relativa de Galiza na repartición dos fondos, mentres que os grupos da oposición xa criticaban que non houbera cifras sobre a mesa. Precisamente, ese continúa a ser o principal reproche que os grupos da oposición realizaron nos últimos días, nos que o presidente da Xunta se reuniu co Goberno central para avanzar nas conversas co obxectivo de buscar un acordo para articular un novo modelo de financiamento autonómico. Tanto o BNG como o PSdeG reclaman que se revelen as cifras coas que está a negociar o Executivo autonómico. Sobre este extremo, Alberte Núñez Feixóo asegurou este xoves que o Executivo central sitúa a súa proposta "moi por baixo" do 7,1 por cento, que é o peso relativo da comunidade actualmente. Os grupos parlamentarios reclamaron por unanimidade na Cámara que Galiza manteña a "suficiencia, igualdade e autonomía financeira" co obxectivo de que "teña máis recursos" para garantir a calidade dos servizos". Tamén esixiron que se certifique a "cobertura de todos os servizos transferidos, cuantificando de forma axeitada as necesidades de gasto". Reunións co Estado Con este acordo de base, o presidente da Xunta acudiu ás reunións cos membros do Goberno estatal. O encontro de hoxe chega despois de que o vicepresidente terceiro, Manuel Chaves, se comprometera a traballar por ese 7,1 por cento, aínda que a número tres do Goberno, Helena Salgado, situou "moi por baixo" desta cifra os recursos para Galiza, en palabras do propio Feixóo. Tras a primeira das reunións, Feixóo dixo que afrontaría con "certo optimismo" o encontro en Madrid con Salgado. Non obstante, despois de departir coa vicepresidenta económica concluíu que "o avanzado (o día anterior) se freou" e que "non hai acordo con Galiza".
Carlos Aymerich con Xaquín Fernández Leiceaga.
Descargar Tarifas