Débora Campos . Como estaba previsto, integrantes da colectividade galega da Arxentina manifestáronse onte diante do andel da editorial Sudamericana para rexeitar e denunciar o aldraxante contido do libro 'Super chistes galegos' do autor que se agocha detrás do alcume de Pepe Muleiro. Os galegos e as galegas repartiron notas con información para combater a ignorancia e a discriminación.
"A comunidade galega da República Arxentina quere manifestar a súa dor, indignación e repudio pola actitude ofensiva e discriminatoria de Ricardo Parrota (alias Pepe Muleiro) e editorial Sudamericana no seu libro "Super chistes galegos". Iso foi o que leron este luns os centos de visitantes que percorreron o derradeiro día da 34º Feira do Libro de Bos Aires, nos folletos que foron espallados por integrantes da colectividade galega no país austral. A campaña de rexeitamento do libro aldraxante para os galegos e os seus descendentes contou co apoio do BNG que, horas antes da manifestación, lanzou un comunicado público asinado pola responsábel da Comisión de Emigración do BNG, Ana Miranda, o parlamentario do BNG no Parlamento galego Iago Tabarés e a deputada no Congreso Olaia Fernández. Sobre as 20 horas do luns, un feixe de galegos –organizados polo arquitecto Gastón Quiroga e polo presidente da Sociedade Hijos de Arantey y Centro Villamaría Perojano, Gastón Juan– comezaron a entregar diante do andel que a editorial Sudamericana tiña na Feira do Libro centos de folletos con información sobre Galiza e a denuncia sobre a actitude discriminatoria deses contos. "Estás nun cuarto con Osama Ben Laden, Adolf Hitler e un galego. Tes unha arma, pero só dúas balas. A quen lle disparas? Ao galego dúas veces para estar seguro". "O home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra. O galego, até 20". "Que é un galego sobre un burro? Un galego de dous pisos". Son algúns dos chistes que motivaron a denuncia de Quiroga, apresentada no Instituto Nacional contra a Discriminacion, a Xenofobia e o Racismo (INADI), pertencente ao Ministerio de Xustiza, Seguridade e Dereitos Humanos. Este libro non é o primeiro do autor que se agocha detrás dun pseudónimo con pegada galega. De feito, xa foi best seller con outros volumes nos que ofende e ataca os galegos que, dende logo, sempre son os parvos, os brutos, os sucios. Con todo, esta é a primeira vez que a colectividade se organiza para denuncialo e manifestarse. "Do sangue do pobo galego xurdiron figuras fundamentais para a historia, a cultura e o capital humano arxentino como Antonio Soto (o líder da gran folga obreira coñecida como La Patagonia rebelde), José María Cao (pai da caricatura política arxentina), Luís Seoane, Carlos Saavedra Lamas e Adolfo Pérez Esquivel (dous dos cinco premios Nobel do país)", anotou o doutorando Ruy Farías Iglesias nun breve ensaio que podía lerse nos folletos espallados.
Texto do folleto que a colectividade galega repartiu na Feira do Libro de Buenos Aires
1 / 4