PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
O SINDICATO TEN 40 TESTEMUÑAS
Protesta contra a CIG por denunciar 'escravismo'

Europa Press Uns 150 traballadores construtora Eshor concentráronse ante os locais da CIG en Ferrol en protesta polas declaracións realizadas publicamente polo sindicato, que acusou á compañía de 'escravizar' e 'explotar laboralmente' traballadores inmigrantes por, supostamente, despedilos no momento no que sofren un accidente laboral.

Reloxo 16.05.2008 | 09:34

Rolda de prensa da CIG na que os inmigrantes denunciaron escravismo en Eshor Rolda de prensa da CIG na que os inmigrantes denunciaron escravismo en Eshor. CIG

Por segunda vez produciuse unha concentración ante a CIG de traballadores desta compañía con sede en Fene (A Coruña) -a anterior foi o pasado xoves- na que están empregadas unhas cincocentas persoas, e que dá emprego a un grande número de traballadores inmigrantes, na súa maioría procedentes de países como Perú, Ecuador ou Marrocos.

A concentración estivo vixiada pola Policía Nacional e produciuse fronte á presenza de máis de cincuenta representantes da CIG. Nas súas pancartas, os obreiros de Eshor plasmaron frases como "sindicato CIG: non nos defendas", e palabras críticas a Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal, ao que se cualificaba de "mentireiro".

Para esta concentración, desprazáronse dende Madrid numerosos traballadores nun autobús e en varias furgonetas, que os voceiros do grupo aseguraron que foran pagados do seu propio peto "entre todos", aínda que algún dos operarios presentes afirmou con anterioridade que quen pagara o traslado foi a propia compañía.

Os voceiros dos manifestantes explicaron que temen que as críticas da CIG afecten á imaxe exterior da empresa e, en consecuencia, se produzan perdas de contratos e de empregos.

Un dos voceiros e encargado da empresa en Madrid, Fernando Pena, asegurou que as declaracións de López Pintos son "calumnias aos traballadores, que son os que dan as nóminas a asinar" e aos que se está a acusar de "racistas". "Notamos consecuencias porque as empresas para as que traballamos na zona de Madrid, preguntan por isto", explicou.

A CIG acusou a semana pasada á compañía de obrigar os inmigrantes a asinar unha baixa laboral sen data que se faría efectiva no momento no que sufrirían un accidente, de modo que perderían o seu emprego e os dereitos laborais adquiridos. As acusacións de "explotación laboral" foron trasladadas aos Xulgados, a través das denuncias presentadas por varios traballadores inmigrantes, avalados polo sindicato.

Coaccións para protestar

Ao termo da concentración, un traballador de orixe peruana, que presentou denuncia ante o Xulgado do Penal contra a compañía por incumprimento de contrato, asegurou que moitos dos seus compañeiros inmigrantes acudiran á protesta "condicionados" pola empresa e alentados polos seus propios compañeiros e xefes.

Despois de case un ano de traballo, vivindo con 8 compañeiros nun piso de "90 metros cadrados", de recibir "ameazas" de agresións por parte de un responsable da compañía, este operario afirmou que "é inaudito o que está a pasar", que "teme" pola súa vida, e que a compañía ameaza os inmigrantes con non lles renovar o seu contrato de traballo e non lles devolver o seu "boleto" -billete de avión de regreso- do que se"apropiarían" responsables de Eshor no momento da súa chegada a España.

Este traballador subliñou, ante os medios de comunicación, que en ningún momento se cumpriu o acordo laboral que asinara no seu país, xa que realizou o dobre de horas de traballo das previstas, sen gozar vacacións e traballando en fins de semana.

Versión da CIG

Pola súa banda, o responsable da CIG, Xesús Anxo López Pintos, ratificouse nas súas declaracións anteriores e, tras a protesta, engadiu que "a empresa está a utilizar a precariedade dos traballadores estranxeiros para utilizala contra un sindicato".

Recalcou que o sindicato xa recibiu as reclamacións de máis de 40 persoas, algunhas delas trasladadas á vía xudicial, nas que se constataría que Eshor incumpre, "nun grao de mafioso", os convenios de contratación de inmigrantes establecidos co Ministerio de Traballo.

O obxectivo da CIG será agora tratar de que se inicie unha investigación sobre o funcionamento de compañía construtora, despois da presentación de varias denuncias por "vía penal".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil