Manuel Vilas . Tenreira ecolóxica de Lugo, patacas de Coristanco, marrón glacé de Ourense ou viño Amandi da Ribeira Sacra. Estes son algunhas das 'delicatessen' do país que xa se poden mercar na rede. Os pequenos produtores que as comercializan xúntanse nun pioneiro congreso que se organiza a final de mes.
Cabezas de vacún da cooperativa luguesa COGACE. Xatogal
Trátase das xornadas “Comercio Electrónico e Novas Tecnoloxías no Medio Rural” que está a por en marcha a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER. Terán lugar os días 28 e 29 deste mes na Estrada para mostrar como a rede serve para mellorar a calidade de vida no agro.
Comercios con ética
Nelas participará Xavier Villanueva, representante de Xatogal, unha cooperativa luguesa que permite a compra de carne de vacún de produción ecolóxica a través de internet. O “respecto ao medio, ao benestar dos animais e á fertilidade do chan”son algúns dos principios éticos que rexe este innovador negocio.
Manuel Fuentes será o voceiro de Todopatatas.com, unha portal que dende hai uns meses comercializa patacas de Coristanco. Ao igual que Xatogal, esta e-tenda presume da calidade natural dos seus produtos, pois os seus tubérculos medran “sen necesitade de regar e cun crecemento continuo”.
Internet contra o 'boom' dos prezos
Outras das vantaxes deste tipo de negocio son os prezos. O aumento da demanda dos produtos ecolóxicos –no país a pareceron nos últimos anos cooperativas de consumo responsábel en Vigo, Santiago e Ferrol– está a disparar o seu custe nas tendas tradicionais.
Porén, internet facilita un contacto directo cos produtores. En palabras dos agricultores de Coristanco: “os nosos prezos sempre serán moi competitivos, xa que as patacas envíanse directamente da zona de produción a casa do consumidor, evitando as grandes canles de distribución, onde queda unha boa parte do prezo”.
Grelos e viño
José Posada de Marrón Glacé –firma de San Cibrao das Viñas que vende no ciberespazo castañas, grelos e derivados destes alimentos–, Iván Gómez de Regina Viarum –adega sitúada en Sober, en pleno corazón da Ribeira Sacra, especializada en viños Amandi– e Marta Rey –en representación do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela– serán outros dos profesionais que explicarán as claves de como vender produtos galegos do agro a través do ciberespazo.
Código aberto
O software libre aplicada ás explotacións lácteas e a banda larga no rural serán outros dos puntos a debater. No encontro está previsto a presencia do Conselleiro de Medio Rural, do alcalde da Estrada e da directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, entre outros persoeiros.