PUBLICIDADE
Sábado, 17 de maio de 2008
5.000 rapaces polo idioma na Coruña
'Pressing Catch do galego' nun multitudinario Correlingua

Rodri Suárez Milleiros de alumnos da Coruña, Costa da Morte e O Bierzo participaron no primeiro Correlingua de 2008, que o grupo Chévere animou cun combate simulado entre un 'defensor do castrapo' e un 'coñecedor de todas as variantes'.

 06.05.2008 | 14:05

Celebración do Correlingua na Coruña este ano
Celebración do Correlingua na Coruña este ano. AGN

5.000 rapaces da comarca da Coruña pero tamén chegados dende institutos da Costa da Morte e do Bierzo xuntáronse no primeiro Correlingua de 2008, que saíu da Torre de Hércules e rematou nos Xardíns de Méndez Núñez, onde se entregaron premios e foi especialmente ben recibida a actuación do grupo cómico Chévere, que simulou un combate de Pressing Catch (disciplina deportivo-teatral norteamericana de moda entre os adolescentes) no que se enfrontaron un 'defensor do castrapo' contra un 'coñecedor de todas as variantes do galego'. Loxicamente, gañou este último.

“É complicado organizar un evento así, porque é moita xente nova de diversas procedencias e ademais facemos actuacións en directo, pero paga a pena” sinala Anxo Gómez, coordinador comarcal do Correlingua na Coruña. As marchas de estudantes pola defensa do galego, que comezaron a mediados da década dos noventa, partiron este ano da Coruña, por segunda vez, e cun enorme éxito de participación. Entre os rapaces, destacou a presenza de case medio cento deles chegados dende o Bierzo, onde o galego é materia optativa. Por iso, foron especialmente recoñecidos dende o palco situado ao carón da estatua de Curros Enríquez, onde rapaces do instituto de Carral deron lectura ao manifesto desta edición, no que insistiron nunha das ideas principais da concentración: “En galego, cabe todo”. Ese lema tamén aparecía na faixa que gañou o concurso de pancartas, portada polos alumnos do centro de Cerceda.

Outras pancartas ou camisetas adoptaban linguaxes da mocidade co idioma como idea central. Por exemplo a que dicía “en galego quérote m8 +”. Expresións de teléfono celular características da adolescencia, idade maioritaria dos asistentes. Teoricamente, un difícil público para manter unha organización. Porén, os resultados negan ese tópico. “Os rapaces viven isto con intensidade, non é a típica actividade para saír de clase. A proba esta en que todos os que participan queren repetir, e algúns incluso chegan a facelo de xeito individual ou como grupo cando o seu centro non acode ou cambian a outro tipo de ensino”, comenta Gómez, coordinador dun acto no que tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, e a de Normalización Lingüística, Ermitas Valencia. A primeira subiu ao palco a entregar uns premios despois da actuación de Relúa, o moi novo grupo de rock que gañou o concurso musical da comarca e que abriu unha rápida actuación co tema 'Galiza' “adicado a todos aqueles que non queren apreciar a nosa cultura”. Logo tocaron Sinefrés. Polo medio, un peculiar Pressing Catch.

Chévere animou a festa do galego cun espectáculo no que incidiron na proposta principal do Correlingua por medio do humor. Parodiaron o popular Pressing Catch en galego e cun choque entre 'O Enterrador de Palabras' (“defensor do castrapo e os castelanismos, ídolo de xornalistas e políticos”) e o 'Rei Zintolo' (“coñecedor de todas as normativas e variantes dialectais”). A teatral vitoria foi para este último grazas á súa chave de “tres gheadas e seis seseos”. Os rapaces despedírono cunha forte ovación. “Estes actos demostran que cunha política axeitada, o galego chega á xente e ten o futuro asegurado, non hai que ser catastrofista, pero hai que traballar”, apuntou Anxo Gómez ao remate dunha grande festa do idioma que terá réplica por toda Galiza durante este mes.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil