PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Do 21 ao 27 de xullo
Preséntase o programa do Salón do Cómic de Cangas

Redacción .  O XII Salón do Cómic de Cangas conta nesta edición con debuxantes como Tirso Cons, Al Barrionuevo e Manel Fontdevila, coautor, xunto con Monteys, da polémica portada de El Jueves que provocou o secuestro da revista. Amais, o Auditorio Municipal de Cangas e os bares da vila encheranse de actividade.

Reloxo 08.07.2008 | 11:25

Cartel do XII Salón do Cómic de Cangas Cartel do XII Salón do Cómic de Cangas. Kenny Ruido Un encontro con Tirso Cons na tarde do día 25 de xullo será un dos puntos álxidos desta cita anual coa banda deseñada no Morrazo. O pontevedrés, afincado en Madrid, ten álbums publicados no mercado francés. Ao día seguinte, o público poderá estabelecer conversa con Manel Fontdevila e Al Barrionuevo.

Fontdevila destaca pola súa serie na revista El Jueves 'La Parejita', amais da sección que comparte con Monteys, 'Para ti, que eres joven'. Chegou a dirixir a publicación entre o 2000 e o 2004, e con Monteys creou, tamén, a portada da polémica, en que Felipe de Borbón e Letizia Ortiz aparecían mantendo relacións sexuais, e que lle supuxo unha multa e o secuestro da revista. Al Barrionuevo, pola súa banda, é arxentino, pero leva tempo afincado en Compostela, e son salientábeis os seus superheroes.

Estarán tamén presentes o arxentino Horacio Altuna, unha celebridade no mundo do cómic erótico, ou Kenny Ruido, autor do cartel desta edición, para o que se inspirou no monte do Facho. Amais, o martes 22 pola mañá comezarán os obradoiros de banda deseñada con Jvlivs e Luís Davila.

O mércores 23, á tardiña, entregaranse os premios do décimo Certame de Cómic e presentarase a revista O Tebeo, editada pola Concellaría de Xuventude do Concello de Cangas, onde se recollen as propostas gañadoras. Un xurado profesional ha escollelas nos próximos días entre as 72 que foron presentadas. Tamén se presentará, o xoves 24 de xullo, unha escolma do mellor de Luís Davila, Jalisia Kaníbal.

A mostra 10 anos de BD galega, coordinada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), e distribuída pola Consellaría de Cultura e Deporte, e pequenas exposicións, nos bares da vila, dos orixinais asinados da colección de ilustracións que se foi recompilando no Salón, son outras das actividades.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil